Catalunya

Quim Torra, inhabilitado de novo durante 15 meses por non retirar unha pancarta en apoio aos presos do 'procès'

A pancarta pola que Torra foi condenado. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Deberá pagar unha multa de 24.000 euros pola segunda condena que recibe pola mesma causa.

O Xulgado Penal 6 de Barcelona condenou esta cuarta feira o expresident da Generalitat de Catalunya Quim Torra a 15 meses de inhabilitación na segunda causa pola que é xulgado por desobediencia, após non descolgar unha pancarta da fachada da Generalitat cando era president.

A sentenza, que tamén lle impón unha multa de 24.000 euros, comunicouse menos de dúas semanas despois de que o Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC) dese por cumprida a primeira condena de inhabilitación de Torra, tamén por desobediencia.

Trátase da segunda condena a Torra polo mesmo delito: neste caso, por non retirar a pancarta en período electoral antes das eleccións do 10 de novembro de 2019, mentres que na primeira o TSJC condenárao a un ano e medio de inhabilitación por manter unha pancarta antes das eleccións xerais do 28 de abril do mesmo ano.

A xuíza lembra no fallo que Torra foi requirido para retirar a pancarta, unha medida cautelar que acordou o TSJC por mor dun recurso interposto pola entidade Impulso Ciudadano que invocaba a vulneración do deber de obxectividade.

Antes dese requirimento, após coñecer a medida cautelar que tomou o TSJC, a oficina do president emitira un comunicado manifestando a súa "vontade de recorrer e de non retirar a pancarta".

Para a xuíza, ese comunicado mostraba a "negativa aberta" de Torra a cumprir coa orde de retirar a pancarta. A maxistrada constata que, unha vez requirido, Torra "non cumpriu de forma inmediata" coa orde do tribunal, polo que o tribunal tivo que ordenar aos Mossos d'Esquadra que retirasen a pancarta logo de varios requirimentos.

Torra ve "afán de vinganza"

O ex president afirmou esta cuarta feira, a través dun comunicado, que a súa segunda condena por desobediencia é unha sentenza "inducida polo afán de vinganza dos xuíces que actúan como brazo político do Estado español en Catalunya", e sostivo que é unha "lección" de que "a independencia é urxente".