Indonesia designa os independentistas de Papúa Occidental grupo "terrorista"
Indonesia, arquipélago do sueste asiático, anexionou oficialmente en 1969 Papúa Occidental. Fíxoo tras un referendo en que só votaron 1.025 persoas seleccionadas e supervisadas polo Exército indonesio. Papúa Occidental comparte a illa de Nova Guinea ─ao norte de Australia, de quen se independizou en 1975─ co Estado libre e soberano de Papúa Nova Guinea.
Previamente, Papúa Occidental era unha colonia dos Países Baixos como o resto das "Indias Orientais". No proceso de descolonización, baixo o auspicio da ONU, a recentemente proclamada República de Indonesia reclamou o territorio, producíndose un enfrontamento entre neerlandeses, indonesios e a poboación orixinaria da illa. Finalmente acordouse o referendo que, obviamente, os aborixes non recoñecen.
Desde entón, o pobo papú reclama unha consulta en condicións, como as realizadas na maioría das colonias das potencias europeas na altura. Desde entón, o Goberno indonesio aplica unha política de forte represión, documentada por diferentes organizacións de dereitos humanos, con torturas e execucións extraxudiciais de militantes independentistas civís.
E nas últimas horas, Indonesia designou formalmente os separatistas como "terroristas". A guerra entre Exército e guerrillas foi constante nestas décadas, mais os enfrontamentos mortais entre os rebeldes e as forzas do Goberno intensificáronse nos últimos anos.
Na pasada terza feira, as autoridades indonesias informaron da morte de nove guerrilleiros independentistas e dun axente da Policía nunha serie de enfrontamentos en Papúa. Porén, o Exército de Liberación Nacional de Papúa Occidental (ELNP), brazo armado do movemento arredista, negou ter ningunha baixa.
O incidente produciuse despois de o presidente indonesio, Joko Widodo, ordenar unha serie de accións logo do asasinato dun xeneral responsábel da espionaxe en Papúa, que reivindicou o ELNP.
21 días sen cargos
A nova etiqueta permitirá a Iacarta "accións rápidas e decisivas" contra a insurxencia, segundo recolle o decreto presentado polo ministro do Interior indonesio, Mahfud MD. Permitirá que se produzan "graves violacións dos dereitos humanos", segundo sinalou a organización indonesia de dereitos humanos Instituto Setara en declaracións a AFP.
Tamén Human Rights Watch (HRW) criticou a decisión, sinalando que "abre a porta á posibilidade de máis abusos", recolleu Reuters. E Amnistía Internacional apuntou que a designación podería levar a restrinxir dereitos de asociación e de expresión.
A lei antiterrorista de Indonesia permite ás autoridades a detención durante 21 días ─sen presentar cargos─ de sospeitosos de planear ou cometer "actos terroristas. "Terrorismo é calquera acción que usa a violencia ou a ameaza de violencia para crear unha atmosfera de terror ou estender o medo e que pode causar vítimas masivas ou destrución", sostivo o ministro Mahfud MD.
En tanto que Sebby Sembom, portavoz do ELNP ─que conta entre as súas vítimas tamén con civís─, rexeitou a denominación e afirmou: "O mundo sabe que loitamos pola liberdade".
Papúa é rica en minerais. A explotación de ouro e de cobre que ten na illa a mineira estadounidense Freeport é a principal fonte recadación tributaria indonesia.
O Goberno no exilio mira cara á China tras o abandono occidental
O pasado 1 de decembro, o Movemento Unido de Liberación de Papúa Occidental ─que agrupa os principais partidos independentistas desde 2014─ proclamou o Goberno no exilio co fin de lograr un referendo e acabar co que chaman o "xenocidio silencioso". O seu presidente interino é Benny Wenda, que vive en Londres e esta semana emitiu un comunicado criticando as accións de Iacarta e as palabras do presidente do Parlamento indonesio, Bambang Soesatyo. Este pediu ao Goberno "destruílos primeiro. Xa discutiremos os dereitos humanos despois".
Wenda, nunha recente entrevista en The Epoch Times, solicitou axuda á China despois de décadas de falta de apoio por parte de Occidente. Australia, por exemplo, apoia a reclamación indonesia, cuxo corpo policial antiterrorista ─que actúa en Papúa─ adestra.