A India e Paquistán intercambian acusacións por supostos ataques

Vivenda danada na Caxemira administrada pola India, o 8 de maio de 2025. (Foto: Basit Zargar / Europa Press / Contacto)
Xa hai contactos entre Nova Deli e Islamabad.

O choque entre Paquistán e a India intensificouse a quinta feira, co primeiro asegurando que derrubou 25 drones de fabricación israelí en distintos puntos do territorio, entre eles as dúas cidades máis grandes do país, Karachi e Lahore, e o segundo reiterando que as súas defensas aéreas impediron un ataque paquistaní de drones e mísiles contra obxectivos militares no norte e oeste indio.

Ningunha destas afirmacións puido ser comprobada de forma independente, mais si que se atoparon restos de drones en Lahore e reportouse que un deles atacou unha zona de vendedores de comida nun estadio deportivo en Rawalpindi e outro causou unha morte e feridas en catro soldados, como a feita por Nova Deli, que trasladou que atacaron “radares e sistemas de defensa aérea en varios puntos de Paquistán”, e aseverou que constataron a destrución dun “sistema de defensa aérea en Lahore”, o que Islamabad negou.

Entrementres, continuaron os ataques de artillaría por parte de ambos os bandos na liña de control en Caxemira, que divide a área controlada por Paquistán da dominada pola India. 

As cifras oficiais paquistanís indican que 31 civís morreron nos intercambios e nos ataques aéreos da terza feira da India, e as indias sinalan que 13 civís faleceron.

Ademais, o Gabinete indio afirmou nunha reunión con forzas políticas locais que mataron máis dun centenar de “terroristas” nos bombardeos, e o ministro de Información paquistaní, Attaullah Tarar, apuntou que mataron entre 40 e 50 soldados indios nas inmediacións da liña de control.

A India segue a xustificar o bombardeo atribuíndo a Paquistán –quen o nega– ter participado nun ataque contra turistas na Caxemira india o 22 de abril, no que morreron 26 persoas, e advertiu de que responderá ás previsíbeis represalias paquistanís polo ataque aéreo. 

Liña directa entre exércitos

En todo caso, Islabamab confirmou que houbo contactos entre os dous países e que está a funcionar a liña directa entre os seus exércitos.