MAIO 2015: ELECCIóNS NO REINO UNIDO

As enquisas vaticinan que as forzas independentistas cuadriplicarán presenza en Westminster

A familia real preside a sesión de apertura do Parlamento británico

Enquisas apuntan que das eleccións xerais de maio pode saír unha Cámara dos Comúns con máis de 60 deputados -actualmente non chegan a 15- de partidos pola independencia de Escocia e Gales e a fin do dominio de Londres en Irlanda do Norde. 

 

Reino Unido acode o vindeiro 4 de maio ás urnas nunhas eleccións xerais para elixir os 650 deputados da Cámara dos Comúns. A medida que se achega a data dos comicios van agromando enquisas e sondaxes sobre intención de voto para un Parlamento actualmente copado polo Partido Conservador (302 deputad@s) e @s laboristas (255), que suman 557 d@s 650 parlamentares. A terceira pata do ‘bipartidismo británico’ é o partido-bisagra, os liberais demócratas, con 57 representantes. Na actual composición de Westminster o resto das formacións fican a moita distancia dos dous grandes e o mediano.

Mais desde aquelas eleccións de 2010 das que saiu a actual Cámara dos Comúns ás que se van realizar en maio pasaron 5 anos e moitas cousas. As sondaxes sitúan agora como terceira forza o dereitista UKIP (tería entre o 13 e o 16% dos votos) en detrimento duns liberais-demócratas que a duras penas chegarían ao 9% dos sufraxios, dándolles algunhas das enquisas un apoio nas urnas do 7%, o mesmo que obterían Os Verdes (actualmente cun único deputado). A primeira praza estaría en disputa entre conservadores, actualmente no goberno co apoio dos liberais demócratas, (entre 32 e 33%) e laboristas (33-34%)

As periferias

No Parlamento que se constituíu após as xerais de hai cinco anos as forzas abertamente independentistas apenas agrupaban 14 escanos. Aí estaban @s 6 deputad@s do Partido Nacionalista Escocés (SNP) e os tres asentos que obtiveron os galeses do Plaid Cymru. O Sinn Féin tiña 5 parlamentares, que seguindo a tradición republicana irlandesa para co Parlamento inglés, abstivéronse de ocupar os escanos embora si que desenvolven o resto de tarefas.

De cumprise as expectativas dos inquéritos que nestes días se publican en medios ingleses e escoceses a ‘fronte independentista’ podería sobrepasar @s 60 deputad@s en Westminster. Un resultado que se debería ao pulo do Partido Nacionalista Escocés, que dos 6 parlamentares que ten agora en Londres podería pasar a ter 53/54, varrendo de Escocia os laboristas (os conservadores hai tempo que foron varridos).

O Plaid Cymru, sempre segundo os inquéritos, podería perder un escano, afectado pola irrupción con forza do UKIP tamén nos distritos de Cymru (Gales). A formación dereitista británica podería ser 3ª forza nese país.

O Sinn Féin mantería os seus 5 representantes, competindo cos unionistas do DUP en ser a primeira forza en Irlanda do Norte. D@s 650 deputad@s na Cámara dos Comúns, 18 corresponden aos 6 condados irlandeses que forman parte de Gran Bretaña. As enquisas do Belfast Telegraph daban ao DUP o 26% dos votos no Ulster, mentres que o Sinn Féin andaría no 24%.


 

Para esta información recolléronse dados de enquisas e sondaxes publicadas en diversos medios (do barómetro de Daily Telegraph ao portal Election Forecast ou o twitter @Britainelects)