Imputado o ex ministro de Facenda do PP Cristóbal Montoro por presuntamente cambiar leis para beneficiar empresas gasísticas

Cristóbal Montoro, o pasado mes de abril nunha comparecencia no Congreso español. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O xuíz levanta o secreto de sumario e na trama hai involucradas 28 persoas físicas e 6 xurídicas.

Un xuíz de Tarragona imputou o ex ministro de Facenda do PP Cristóbal Montoro por presuntamente aproveitarse do seu cargo para aprobar diversas leis que beneficiaban empresas gasísticas que eran clientes dun despacho de avogados —Equipo Económico (EE)— que fundara o ministro antes de entrar no Goberno español.

Segundo avanzou La Vanguardia, na trama están involucradas 28 persoas e seis persoas xurídicas pola presunta comisión de sete delitos: suborno, fraude contra a administración pública, prevaricación, tráfico de influencias, negociacións prohibidas, corrupción nos negocios e falsidade documental.

Segundo o auto ditado polo Xulgado de Instrución 2 de Tarragona, "o uso de tales potestades permitiría a EE poder ofrecer a sociedades de distintos sectores reformas que beneficiasen os seus intereses económicos, en menoscabo do sector público".

As investigacións, engade, "poñen de manifesto a intencionalidade para aprobar unha modificación ad hoc, é dicir, que beneficiase exclusivamente as gasísticas e deixase fóra outros sectores cuxos custos de electricidade tamén superasen o limiar do 50% dos custos de produción".

Tamén evidencia que mesmo correspondeu ás empresas englobadas na Afgim (Air Liquide, Abello, Messer, Praxair e Carburos Metálicos) "a redacción do texto proposto para a elaboración da norma que os incluíse no citado beneficio fiscal, dando lugar a unha situación que podería cualificarse como substitución ou externalización indebida no exercicio de potestades normativas na fase prelexislativa da elaboración da lei, así como do seu regulamento de desenvolvemento".

Ademais, recolle tamén que "presuntamente fai uso das potestades que lle corresponden na iniciativa lexislativa do seu Ministerio, o que presuntamente aseguraría unha ganancia ao despacho EE".

"Altos cargos"

O xuíz acordou o levantamento do secreto de sumario sobre unha causa que se abriu hai 7 anos e a notificación da condición de investigados a Montoro e a diversos ex altos cargos no Goberno español e a Administración estatal, desde onde irían creando unha rede de influencias cuxo fin último sería a obtención dun lucro económico, segundo a resolución.