Identificados os tres sospeitosos dos atentados de Bruxelas

Imaxe das cámaras do aeroporto dos 3 sospeitosos

Os irmáns Khalid e Ibrahim Bakrouri serían os kamikazes no aeroporto e o metro. O terceiro sospeitoso, fugado, é Najim Laachraoui, sinalado pola Policía como un dos responsábeis dos atentados en París. 

Os irmáns Khalid e Ibrahim Bakrouri, de 27 e 30 anos, serían os responsábeis dos atentados sucidicas no aeroporto de Bruxelas. Ambos os dous estaban 'fichados' e eran biuscados polas forzas de seguridade. Ibrahim fora condenado en 2010 a 9 anos de prisión por disparar cun AK47 contra a policía, ferindo un axente. En 2011, o seu irmán, Khalid, foi condenado a 5 anos de cárcere por varios asaltos.

Segundo fontes da investigación citados polos medios belgas, Khalid, con nome falso, alugou o apartamento no barrio de Forrest, en Bruxelas, onde a policía matou un tirador na semana pasada. Entón as autoridades descubriron nese piso armas, explosivos e unha bandeira do Estado Islámico, para alén de pegadas dixitais de Salah Adeslam, o principal sospeitoso dos atentados de novembro en París e que foi detido días despois.

Busca e captura

O terceiro sospeitoso,que tamén foi captado polas cámaras do aeroporto, é Najim Laachraoui, de 25 anos de idade. O seu ADN atopouse nos apartamentos empregados para preparar os ataques de París. Medios belgas informan que foi detido esta cuarta feira en Anderlecht, algo posteriormente desmentido polas forzas de seguridade.