Unha gran manifestación reclama en Bilbao o fin das medidas excepcionais aos presos vascos
As rúas de Bilbao acolleron este sábado unha gran manifestación para pedir o fin das medidas excepcionais aos presos vascos. Decenas de miles de persoas mobilizáronse para pedir "abrir as portas das celas" aos presos de ETA coa lexislación ordinaria.
Segundo datos dos convocantes, Sare, actualmente hai 142 condenados en relación con ETA, moitos dos cales, defenden, xa terían que ter saído en liberdade se os tratasen como o resto de presos, coa aplicación da lexislación ordinaria e a progresión de grao. Por iso, a protesta de exixiu o fin definitivo das medidas excepcionais.
A tradicional manifestación anual, convocada baixo o lema "Behin Betiko konponbidea, elkarbizitza, bakea" –Definitivamente. Resolución, paz, convivencia–, percorreu o centro da cidade e estivo encabezada por figuras como Ane Muguruza, vítima da violencia de Estado; Martxelo Otamendi, ex director de Berria e tamén represaliado; Garazi Hach Embarek, activista polos dereitos humanos; Arantza Aldezabal, profesora da Universidade do País Vasco; Amaia Izko, avogada; Eva Ferreira, presidenta da asociación Harrera; Patxi Bisquert, actor; José Luis Elkoro, ex alcalde de Bergara, e Rafa Larreina, ex deputado de Eusko Alkartasuna. Tamén estiveron presentes os portavoces de Sare, Bego Atxa e Joseba Azkarraga.
Entre berros de "Amnistia osoa" –Amnistía total– e "Euskal presoak, etxera!" –Os presos vascos, a casa!–, a marcha avanzou nun ambiente festivo, presidida por unha fileira de zanpantzar, custodiados por media ducia de personaxes propios da mitoloxía vasca. Entre os congregados desfilaron máis dun centenar de familiares de presos de ETA.
Segundo as estimación dos organizadores as rúas de Bilbao congregaron unhas 60.000 persoas. Entre os manifestantes, tamén partidos e entidades sociais. Entre outros participaron activamente representantes de EH Bildu e EH Bayo, como Arnaldo Otegi, Pello Otxandiano, Laura Aznal e Nerea Peponnet, e Arkaitz Rodriguez (Sortu) e Eba Blanco (EA).
Tamén asistiu á marcha unha ampla representación de fóra de Euskadi. Entre outros, representantes de BNG, Junts, ERC, CUP, Òmnium Cultural e Més per Mallorca.
Solucións e non discriminación
O portavoz de Sare, Joseba Azkarraga, pediu á administración penal vasca que non atrase máis a aplicación dos terceiros graos e que permita cumprir as penas fóra da prisión. Hai "excepcionalidades que aínda se manteñen, non só as derivadas de lexislacións que se aprobaron hai máis de 20 anos, senón as practicadas no día a día da xestión penal", dixo.
Neste sentido, e "no concernente a progresións de grao, permisos penais ou outros modelos de cumprimento", denunciou que "o tratamento aplicado aos presos de motivación política, é discriminatorio" respecto a outros reclusos.
Azkarraga reivindicou que os presos vascos xa cumpriron suficiente condena e pediu buscar solucións, "que non son contraditorias co apoio necesario a todas as vítimas das violencias que se produciron neste país". "Non estamos a esixir privilexios de ningún tipo, senón a aplicación dunha política penal ordinaria, sen excepcionalidades, sen discriminacións nin criterios de oportunidade política", aclarou.
Así, reclamou directamente á Audiencia española que aplique a modificación xeral sobre o cómputo de condenas, que se aprobou hai dous meses: "O que non pode facer é continuar atrasando a aplicación desta normativa aprobada no Congreso, porque o respecto ás leis tamén lles afecta, sobre todo aos xuíces, e non poden tardar máis".
O portavoz de Sare asegurou que é o momento de "deixar de esixir a estes presos e presas nada que vaia máis aló do que a lexislación ordinaria require de toda persoa privada de liberdade. Consigamos abrir as portas das celas e posibilitar que volvan ás súas casas. Isto pódese facer, coa aplicación dunha política penal ordinaria", indicou.
Festa e reivindicación
As reivindicacións en favor dos dereitos dos presos vascos encheron as rúas do barrio antigo de Bilbao. Trikitilaris, figuras xigantes e músicos animaron as rúas a pesar da chuvia esporádica. Segundo os organizadores, o obxectivo desta mobilización é combinar reivindicación e festa para reforzar a mensaxe dunha convivencia en paz e dignidade.