O Goberno español critica o xuíz García-Castellón, vinculado co PP: "Sempre se inclina na mesma dirección"
A Audiencia Nacional reitera a acusación de terrorismo a Puigdemont.
O xuíz da Audiencia Nacional española Manuel García-Castellón, vinculado co Partido Popular (PP), ten “querenza” a tomar decisións en “momentos políticos sensíbeis” e “sempre” na “mesma dirección, que evidentemente ten unha implicación política importante”, sostivo hoxe a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.
Ribera deixou entrever a súa relación co lawfare -o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos- no Estado español. O Partido Popular cuestionou que unha vicepresidenta acuse “un maxistrado de prevaricación”, e fontes do Executivo español trasladaron o seu respecto ao Poder Xudicial e á separación de poderes.
Puigdemont
24 horas antes, García-Castellón rexeitou o recurso da Fiscalía para evitar o envío ao Tribunal Supremo da causa contra Tsunami Democràtic, reiterando a acusación de terrorismo contra o ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts), a secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) Marta Rovira e outras 10 persoas.
O maxistrado imputounas por terrorismo cando o PSOE negociaba a reelección de Pedro Sánchez como mandatario no Congreso con Junts a cambio dunha lei de amnistía -pactada tamén con ERC-, entre outras cuestións.
ERC
ERC, por medio da súa voceira, Marta Vilalta, sinalou que “comparte” as críticas do Goberno a García-Castellón, que ao tempo tamén é responsábel do ‘Caso Tándem’, sobre as investigacións parapoliciais do ex comisario da Policía española José Manuel Villarejo, e do ‘Caso Kitchen’, arredor dunha conspiración do Goberno español de Mariano Raxoi (PP) para roubar probas da corrupción na formación.