O Goberno español, xunto a cinco Executivos latinoamericanos, condena a intervención de Estados Unidos en Venezuela
O Goberno español emitiu na tarde deste domingo un comunicado conxunto cos Executivos de Brasil, Chile, Colombia, México e Uruguai onde condena a intervención militar do Goberno de Estados Unidos contra Venezuela e denuncia a detención do presidente Nicolás Maduro.
Os cinco Estados expresan "profunda preocupación e rexeitamento fronte ás accións militares executadas unilateralmente en territorio de Venezuela". Neste sentido, o Executivo de Sánchez rectifica a posición mantida as primeiras horas da intervención militar.
O comunicado entende que a intervención do Goberno estadounidense "contravén principios fundamentais do dereito internacional, en particular a prohibición do uso e a ameaza da forza, o respecto á soberanía e á integridade territorial dos Estados, consagrados na Carta das Nacións Unidas".
A declaración insiste que "a situación en Venezuela debe resolverse exclusivamente por vías pacíficas, mediante o diálogo, a negociación e o respecto á vontade do pobo venezolano en todas as súas expresións, sen inxerencias externas e en apego ao dereito internacional"
Soberanía do pobo venezolano sobre os seus recursos
A resolución rexeita calquera tutela sobre Venezuela desde o exterior, afirmando que "só un proceso político inclusivo, liderado polos venezolanos, pode conducir a unha solución democrática, sostíbel e respectuosa da dignidade humana". Neste punto, defenden a soberanía do pobo venezolano sobre os seus recursos.
O documento expresa a "preocupación ante calquera intento de control gobernamental, de administración ou apropiación externa de recursos naturais ou estratéxicos, o que resulta incompatible co dereito internacional e ameaza a estabilidade política, económica e social da rexión".
O comunicado defende "o carácter de América Latina e o Caribe como zona de paz, construída sobre o respecto mutuo, a solución pacífica das controversias e a non intervención, e facemos un chamado á unidade rexional, máis aló das diferenzas políticas, fronte a calquera acción que poña en risco a estabilidade rexional".
Chamado á ONU
Os Executivos de Brasil, Chile, Colombia, Estado español, México e Uruguai urxen ao "Secretario Xeral das Nacións Unidas e aos Estados membros dos mecanismos multilaterais pertinentes a facer uso dos seus bos oficios para contribuír á desescalada das tensións e á preservación da paz rexional".