Gemma Barroso, nova xefa da Policía Nacional, a quen a presunta vítima de José Ángel González informou da denuncia

Gemma Barroso, nova xefa da Policúia Nacional. (Foto: Ministerio de Interior)

A comisaria ocupaba até entón a subdirección xeral de Recursos Humanos

A denuncia da vítima dun presunto delito de agresión sexual polo director adxunto operativo (DAO) da Policía Nacional relata que esta axente deuse de baixa en xullo de 2025, após recibir unha chamada do comisario José Ángel González e mentres estaba no despacho de quen asumiu de forma interina o posto de DAO, a subdirectora xeral de Recursos Humanos e Formación, Gemma Barroso.

No escrito de denuncia, a vítima relata numerosas chamadas intimidatorias por mor da presunta agresión sexual ocorrida o 23 de abril de 2025 e cita unha, rexistrada tres meses despois, o 24 de xullo, no que se menciona a Gemma Barroso na súa condición de subdirectora xeral de Recursos Humanos e Formación.

Esta comisaria é quen asumiu o posto á fronte da Dirección Adxunta Operativa en aplicación da Orde 859/2023, do 21 de xullo, que estabelece a substitución nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da DAO, até que a Policía convoque formalmente esta praza e sexa resolta polo Ministerio do Interior.

En concreto, na querela recóllese que ese 24 de xullo a denunciante, até entón axente da Policía na Comisaría Local de Coslada, atopábase no seu novo destino na Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Formación, na madrileña rúa Miguel Ángel, número 5, precisando que é a "mesma sede onde traballa o querelado" ao coincidir aquí a Dirección Xeral da Policía.

Baixa e apoio do equipo

"Cando a vítima se atopaba incorporándose ao novo posto de traballo e concretamente no despacho da subdirectora de Recursos Humanos e Formación recibiu chamada do teléfono do despacho de José Ángel González. Ao non contestar, a vítima comunicou á subdirectora Gemma Barroso que non se atopaba en condicións de traballar por saúde mental", detalla a denuncia.

O escrito continúa explicado que foi nese momento cando a denunciante "foi posta ao dispor do equipo de apoio psicosocial, do cal está a ser asistida e atópase de baixa laboral co armamento retirado, manténdose esta situación á data de interposición da presente querela".

A denuncia alude á recompilación de probas como chamadas, mensaxes e audios onde se acusa ao DAO e a outro comisario asesor deste, Óscar San Juan González, de participar nunha "campaña sistemática, obsesiva e intensiva de acoso telefónico e manipulación psicolóxica sobre a vítima", á que chegaron a ofrecer calquera posto na Policía se gardaba silencio. Tanto José Ángel González como este asesor foron relevados dos seus cargos.