A Garda Civil envía ao Supremo unha gravación que implica Santos Cerdán no cobro de comisións

O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, este 11 de xuño. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O secretario de Organización do PSOE aparece en conversas que Koldo García, ex asesor de Ábalos. O PP urxe explicacións ao Goberno, mentres que os socios habituais reclaman transparencia á espera de coñecer o informe completo.

A unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil entregou ao Tribunal Supremo gravacións que sinalan a participación do actual secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, na trama de corrupción que investiga o maxistrado Leopoldo Puente, avanzaron varios medios estatais. Os axentes deron traslado das conversas rexistradas en dispositivos móbiles incautados a Koldo García durante a súa detención e incorporounas como indicios ao informe que entregou o pasado 5 de xuño ao maxistrado.

Santos Cerdán negou ter participado en ningunha adxudicación ilegal e asegura que non ten ningún medo nin nada de que defenderse. Díxoo ao día seguinte do rexistro do domicilio do seu antecesor en Ferraz, o ex ministro José Luis Ábalos, en València.

A pasada terza feira axentes da UCO rexistraron durante varias horas o domicilio de Ábalos en en busca de probas sobre adxudicacións irregulares de obras públicas. Segundo indican varios medios, o informe policial no que se baseou o xuíz para ordenar esta actuación, tamén relaciona Cerdán con contratos de obra pública.

"Non teño ningún medo", indicou o tamén deputado por Navarra en declaracións aos medios nos corredores do Congreso esta cuarta feira, asegurando que non ten "nada do que defenderse" e que non coñece se existen actuacións policiais ou xudiciais contra el. "Non sei que é o que pode haber", apuntou, antes de deixar claro que non participou en ningunha adxudicación ilegal. "En ningunha" recalcou, horas antes de que transcendese a existencia desa gravación que a Garda Civil xa enviou ao Supremo.

Cautela no PSOE

O portavoz do PSOE no Congreso dos Deputados, Patxi López, garantiu esta quinta feira que tanto o seu partido como o propio secretario de Organización, Santos Cerdán, falarán sobre o informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil onde supostamente fica involucrado nunha cobranza ilegal de comisións na adxudicación amañadas de obras.

"Cando coñezamos o informe, o vexamos e o leamos falaremos. Mesmo falará o propio Santos", prometeu López aos xornalistas que lle preguntaron nos corredores do Congreso, por se están seguros desde o PSOE de que Cerdán non están detrás deses presuntos amaños.

Tras publicarse as primeiras noticias sobre o informe, o PSOE emitiu un breve comunicado subliñando que Santos Cerdán "non participou, moito menos influíu, en adxudicacións de obra pública e xamais cobrou unha comisión por iso". "Cando se coñeza a totalidade do informe, dará todas as explicacións necesarias para que dunha vez por todas o seu nome e honorabilidade deixen de verse mesturados a diario con casos que nada teñen que ver coa súa persoa", remacharon desde Ferraz.

A oposición urxe explicacións

Pola súa parte, o PP urxiu a comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, tras filtrarse á prensa un audio no que se escoitaría a este último falando co ex ministro de Transportes José Luis Ábalos e o seu ex asesor Koldo García de empresas adxudicatarias de obra pública que lles deben cartos.

Fontes de Xénova apreman a Sánchez e "a súa man dereita no partido" que aproveiten a sesión plenaria que ten lugar esta quinta no Congreso para que informen "das diferentes tramas de corrupción que afectan ao PSOE e ao Goberno de Pedro Sánchez".

"Insistimos: explicacións, dimisións e eleccións", aseguraron desde o partido de Alberto Núñez Feixoo, insistindo na necesidade dunha rolda de prensa conxunta de Sánchez e Cerdán "para explicar que pasa no Goberno de España para que todas as persoas que rodean o presidente se crean no suposto dereito de gañar diñeiro de forma irregular".

Sumar tamén se pronunciou para reclamar "transparencia inmediata" ao seu socio de Goberno. Na mesma liña PNV, Bildu e Coalición Canaria (CC), socios habituais do Goberno, prefiren esperar a coñecer o informe completo da UCO, mais tamén "transparencia aos socialistas".