Fortes protestas pola visita de Pompeo a unha colonia israelí en Cisxordania

Pompeo co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu (Foto: Amos Ben Gershom / GPO)
Converteuse no primeiro secretario de Estado estadounidense en visitar nunha viaxe oficial unha colonia israelí en Cisxordania.

Polo menos catro palestinos resultaron asfixiados na cuarta feira tras inhalar gases velenosos lanzados polos soldados israelís para dispersar unha multitude congregada na localidade da Al-Bireh, na Cisxordania ocupada, fronte ao asentamento ilegal israelí de Psagot, para protestar pola visita do secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo, segundo informou a Media Lúa Vermella Palestina.

Pompeo acudiu onte a Psagot, converténdose así no primeiro secretario de Estado estadounidense en visitar nunha viaxe oficial unha colonia israelí en Cisxordania.

A viaxe fai parte da súa xira de despedida de Oriente Próximo. Ademais apoiou a exportación dos produtos coa etiqueta "Fabricado en Israel".

Os manifestantes condenaron, con gritos, a visita de Pompeo a Psagot e cualificaron a medida como outro intento da saliente Administración estadounidense, presidida por Donald Trump, de lexitimar a ocupación israelí e apoiar os plans do réxime de Tel Aviv de expandir colonias ilegais.

O ano pasado, o máximo diplomático estadounidense xerou duras críticas a nivel internacional ao afirmar que os asentamentos israelís "non son incompatíbeis" coa lei internacional, opinión que non ampara o consenso mundial.

Expansionismo israelí

A ONG israelí Paz Agora repudiou, á súa vez, por medio dun comunicado emitido onte a controvertida visita de Mike Pompeo a Psagot, e denunciou ademais que, con esta medida, Washington busca legalizar o expansionismo israelí.

"Afortunadamente, este último patético intento de minar as prospeccións de paz normalizando os asentamentos fracasará de mala maneira, ao igual que o fixo o plan de Trump" para a paz, segundo declarou un portavoz desta ONG israelí.