Os fondos reservados do Estado levan dous anos fóra de control
O Congreso e o Goberno do Estado español incumpren a lei que exixe á Cámara Baixa o control parlamentar dos fondos reservados e que obriga o Executivo a comparecer semestralmente para dar conta do uso destas partidas en mans de Interior, Defensa, o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e Exteriores.
A lei fixa que os créditos destinados a gastos reservados deben estar suxeitos a control a través dunha comisión parlamentar composta por deputados que terían acceso a segredos oficiais.
Pero a comisión non se creou nesta lexislatura e a última vez que se reuniu foi hai xa dous anos, a 3 de marzo de 2019.
Fan falla 210 votos para elixir que deputados e deputadas forman a comisión e o problema é que PP, Vox e Cs nin suman entre eles esa maioría nin facilitan outra.
É así porque tamén vetan que representantes de formacións soberanistas teñan representación nela e, por tanto, obteñan acceso a segredos oficiais.
Vox e a formación laranxa xa advertiran ao inicio da lexislatura que non entraba nos seus plans achegar "nin un só voto aos independentistas". Incluso chegaron a asegurar que farían todo o posíbel para impedir o seu acceso á citada información.
Pola súa banda, a voceira do Partido Popular, Cuca Gamarra, recoñeceu a Europa Press que "evidentemente" tampouco teñen en mente apoiar a Bildu "dados os seus antigos vínculos con Batasuna".