A flotilla a Gaza denuncia un segundo ataque con drone en Tunes
O barco Alma, o máis grande da frota, sufriu danos por lume na súa cuberta, mais toda a tripulación está a salvo.
A Global Sumud Flotilla denunciou un ataque con drones nas últimas horas desta terza feira contra a embarcación Alma, nas costas de Tunes, o segundo despois de que outro vehículo aéreo non tripulado lanzase na véspera un artefacto contra un dos seus principais barcos provocando un incendio.
"O 9 de setembro outro barco da nosa frota, o Alma, foi atacado por un drone mentres estaba atracado en augas tunisianas. O barco, que navegaba baixo bandeira británica, sufriu danos por lume na súa cuberta superior. O lume xa foi extinguido e todos os pasaxeiros e a tripulación atópanse a salvo", informou nas súas contas en redes sociais, despois de emitir unha primeira alerta pouco despois da media noite (hora local, 1.00 hora na Galiza).
No mesmo comunicado, a flotilla denunciou que "estes ataques repetidos prodúcense durante a intensificación da agresión israelí contra os palestinos en Gaza" e acusou as autoridades de Israel de emprender con eles "un intento orquestrado para distraer e descarrilar [a súa] misión".
"A Global Sumud Flotilla continúa sen desanimarse. A nosa viaxe pacífica para romper o asedio ilegal de Israel sobre Gaza e mostrar a nosa solidariedade inquebrantábel co seu pobo segue adiante con determinación e resolución", defendeu.
Trátase do segundo ataque en dous días consecutivos despois de que esta segunda feira a flotilla denunciase un ataque similar contra o 'Barco Familiar', de bandeira portuguesa e que transportaba a membros do seu Comité Directivo, no que a Garda Nacional de Tunes considerou como unha "noticia completamente infundada". Así, apuntou a que as chamas se orixinaron "nun dos chalecos salvavidas do barco, por mor dun chisqueiro ou unha cabicha". "Non se atoparon indicios de ningún acto hostil nin ataque externo", sinalou nun comunicado.
Espérase que as embarcacións da flotilla partan esta cuarta feira desde o porto de Sidi Bou Said, próximo á capital tunisiana, cuns 300 voluntarios de até 44 países, coa intención de romper o bloqueo israelí a Gaza.