Fin á suposta trama rusa no procés: A Audiencia de Barcelona fecha a causa

Carles Puigdemont diríxese á cidadanía en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Unha das vías para evitar aplicar a Lei de amnistía a Puigdemont.

Ratificando que a apertura dunha nova causa asociada á ‘trama rusa’ no proceso de autodeterminación de Catalunya é un “claro e flagrante incumprimento” da orde de arquivar a investigación en maio, a Audiencia de Barcelona ordenou a terza feira o feche da causa aberta en xuño polo xuíz Joaquín Aguirre contra, entre outros, os ex presidentes cataláns Carles Puigdemont e Artur Mas, aos que inculpaba por traizón pola relación cunha suposta inxerencia de Rusia no contexto do movemento pola independencia.

Amais, o organismo reclama ao Tribunal Supremo que feche a investigación pola mesma causa, que implicaba Puigdemont e Francesc de Dalmases ao tratarse de aforados.

A decisión fecha un dos mecanismos que puxeran en marcha os conservadores, que controlan o sistema xudicial español, para evitar aplicar a Lei de amnistía a múltiples líderes independentistas cataláns.

Nese sentido, Alerta Solidària trasladou que das 193 persoas que se beneficiaron da norma até o de agora a metade son axentes policiais procesados pola represión do movemento.

Bárcenas, en liberdade

A Audiencia española concedeu a terza feira a liberdade condicional ao ex tesoureiro do Partido Popular (PP) Luis Bárcenas, un dos líderes da 'trama Gürtel’, logo de que o Supremo rebaixara a condena por corrupción, vinculada coa Caixa B do PP, alimentada por doazóns produto de subornos na contratación de obras públicas.

Koldo no Supremo

Asemade, Koldo García, ex asesor do Ministerio de Transporte dirixido polo PSOE, declarou no Supremo, que o investiga por tráfico de influencias ou branqueo de capitais.