O fillo de Suárez pide a retirada dun libro en que se apunta a responsabilidade do Borbón no 23-F

[Imaxe: casadelrei.es

A obra foi escrita pola xornalista Pilar Urbano e nela, a autora, afirma que "para Suárez estaba claro que a alma do 23-F era o rei".

 

Adolfo Suárez Illana, fillo do ex-presidente do goberno español recentemente falecido, solicitou através dun comunicado enviado á xornalista Pilar Urbano, a retirada do libro La desmemoria, publicado esta quinta feira. As razóns argüídas por Suárez Illana para emitir tar solicitude a respeito dunha obra na que se apunta o Borbón como responsábel do 23F, baséanse na re-produción dunha imaxe da súa autoría en que aparecen Juan Carlos I e o propio Suárez. 

Na misiva remitida polo fillo do ex-presidente chega a asegurar que para alén dos dereitos de autor que gravan a imaxe --e que estarían a ser vulnerados pola editorial do libro, Planeta-- Suárez Illana apunta que non partilla o contido da obra que coida "profundamente lesivo do dereito fundamental á honra do meu pai". 

A familia do ex-presidente español desmárcase así das afirmacións deitadas por Urbano. E é que a autora do libro asegura que "para [Adolfo] Suárez estaba claro que a alma do 23-F era o rei". A xornalista próxima ao Opus Dei sitúa o Borbón entre as persoas responsábeis da coñecida como Operación Armada. 

Suárez Illana exixe a retirada dos libros distribuídos por re-produciren unha fotografía da súa autoría sen consentimento

Segundo Pilar Urbano a relación entre ambos os dous líderes da chamada Transición española teríase tensado froito de desacordos en materia de reforma política que para Juan Carlos I deberan emanar das institucións militares. A autora sinala en La desmemoria que o rei chegou a indicar a Suárez que "un dos dous sobra neste país, un dos dous está de máis. E, como comprenderás, eu non penso abdicar". 

Neste senso, o militar Alfonso Armada, ideólogo do golpe de estado, tería convencido ao monarca da necesidade dar "un golpe de timón militar" que desenvocaría nos acontecedementos do 23 de febreiro de 1981.