As FARC manterán como partido as siglas guerrilleiras e serán Forza Alternativa Revolucionaria de Colombia

Iván Márquez, das FARC

“Non queremos rachar os vínculos co noso pasado”, manifestou ‘Iván Márquez’, un dos dirixentes da organización.

A guerrilla das FARC comunica que manterá as súas siglas unha vez que sexa partido político, se ben cambiará de Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia a Forza Alternativa Revolucionaria de Colombia. Así o manifestou o número 2 da organización, Luciano Marín Arango, alias ‘Iván Márquez’.

 

“Dentro de pouco estaremos realizando o congreso fundacional do novo partido político que seguramente se chame Forza Alternativa Revolucionara de Colombia. Non queremos rachar os vínculos co noso pasado, fomos e seguiremos a ser unha forza revolucionaria”, dixo Márquez no acto simbólico no que a  ONU levou o derradeiro contentor con armas das FARC.

 

Jean Arnault, xefe da misión da ONU en Colombia, confirmou que as FARC fixeron entrega de 8.112 armas, así como perto de 1,3 millóns de cartuchos que foron destruídos.