Falece un traballador nunha planta de tratamento de residuos en Euskadi

Labores de extinción de incendios no cemiterio de Zaldibar (Imaxe: Irekia)
É o terceiro operario que morre nunha empresa de xestión de residuos en Euskal Herria no que levamos de ano.  

Un traballador faleceu onte nunha planta de tratamento de residuos en Murga, Euskadi, mentres a sociedade vasca continúa consternada pola traxedia acontecida o pasado 6 de febreiro na localidade de Zaldibar, debido ao desprendemento dun vertedeiro que sepultou dous operarios, desatou incendios incontrolados durante días e contaminou o ar. 

O traballador caeu, segundo recollen medios vascos, desde unha altura de catro metros. Pese a ser evacuado de urxencia a un hospital próximo, o operario non sobreviviu ás feridas. A Ertzaintza indicou que o operario tiña 30 anos e chegou a Euskal Herria desde o Senegal.

É o terceiro falecido no territorio vasco nunha planta de residuos no que levamos de ano, e desde o sindicalismo exixiron xa que se investiguen as razóns do accidente, incluídas "as condición de traballo e os ritmos". Así o pediu a central sindical abertzale LAB, ao tempo que denunciou que as condicións laborais son cada vez "máis precarias, xa que a patronal prioriza os seus beneficios económicos sobre a saúde e vida das e dos traballadores".

Engadiu este sindicato que "mentres se fala do descenso do desemprego, seguen matando a traballadoras e traballadores utilizando a precariedade. Os accidentes de traballo non son froito da casualidade. Teñen responsábeis e sendo isto así, pedimos ao Goberno vasco que poña en marcha políticas reais que eviten os accidentes laborais", demandaron desde LAB.

Nós Diario publicou o pasado sábado, 22 de febreiro, unha entrevista a un camioneiro do vertedoiro de Zaldibar que denunciaba o descontrol das medidas de seguranza da empresa que xestiona o vertedeiro. A oposición demandou, e o Goberno vasco xa recoñeceu, que a privatización destes servizos entraña perigos.