Ingresado en estado crítico o coronel golpista Antonio Tejero
O tenente coronel Antonio Tejero, de 93 anos, coñecido por ser o principal autor do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, foi ingresado esta quinta feira nun hospital de Valéncia en estado crítico.
Nado o 30 de abril de 1932 en Alhaurín el Grande (Málaga), Tejero ingresou na Garda Civil en 1951, corpo do que foi expulsado tras o intento de golpe de Estado. En 1981 era comandante do Instituto Armado e foi condenado a 30 anos de cárcere por rebelión militar, aínda que só cumpriu 15, saíndo en liberdade en 1996.
O asalto ao Congreso
O 23 de febreiro de 1981, Tejero irrompeu armado no Congreso dos Deputados durante a votación de investidura de Leopoldo Calvo-Sotelo, que debía suceder a Adolfo Suárez como presidente do Goberno español. Acompañado por máis de 250 gardas civís, entrou no hemiciclo ás 18.23 horas e ordenou a todos os deputados "Ao chan!", disparando varias veces ao teito.
A imaxe de Tejero subido á tribuna, pistola en man, e a súa frase "Quieto todo o mundo!" converteríanse nun símbolo da tentativa golpista que mantiña secuestrados os 350 deputados durante máis de 17 horas.
O golpe, apoiado por sectores militares contrarios ao Estado das Autonomías, á legalización do PCE e ás reformas do Exército, foi impulsado polo propio Tejero xunto ao xeneral Alfonso Armada e ao capitán xeral Jaime Milans del Bosch, que chegou a sacar os tanques ás rúas de Valéncia e decretar o estado de excepción.
O intento fracasou tras a mensaxe televisada de Xoán Carlos de Borbón, que, vestido co uniforme de capitán xeral, expresou o apoio da Coroa á Constitución e á democracia. Sen respaldo político nin militar, Tejero rendeuse ao mediodía do 24 de febreiro, e os deputados foron liberados.
Precedentes e vida posterior
Antes do 23-F, Tejero xa participara na chamada Operación Galaxia (1978), un plan golpista frustrado que pretendía asaltar o Goberno na Moncloa durante unha ausencia do rei. Foi condenado a sete meses de prisión, pero reincorporouse ao servizo activo até 1981.
Tras a súa liberación en 1996, mantivo escasa actividade pública, aínda que protagonizou varios episodios polémicos. En 2006 publicou unha carta advertindo de que o Estatut de Catalunya "mataría España"; en 2012 denunciou Artur Mas por "sedición"; e en 2023 presentou unha denuncia contra Pedro Sánchez por "traizón a España" polas negociacións coa esquerda abertzale e o independentismo catalán.
A súa última aparición pública coñecida foi o 24 de outubro de 2019, cando acudiu ao cemiterio de El Pardo-Mingorrubio para asistir á reinhumación de Francisco Franco, tras a exhumación do ditador de Cuelgamuros. Alí foi recibido entre aplausos e consignas franquistas, como "Viva Tejero" e "Arriba España".
Nota: Nunha versión inicial desta noticia informábase do falecemento de Antonio Tejero, mais a familia rectificou esta información.