Exteriores confirma que os 28 activistas da delegación estatal da Flotilla que permanecen en Israel regresan esta segunda feira

Chegada dos primeiros 21 activistas da delegación estatal, este 5 de outubro no aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

José Manuel Albares afirmou, nunha entrevista en Catalunya Ràdio e segundo o acordado co Estado israelí, os 28 activistas regresarán ao longo desta xornada a territorio estatal.

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, anunciou que os 28 activistas da delegación estatal que ían a bordo da Global Sumud Flotilla e que seguen retidos en Israel volverán ao longo desta segunda feira ao Estado español, despois de que este domingo retornara un primeiro grupo de 21 cidadáns.

Nunha entrevista en Catalunya Ràdio, o xefe da diplomacia española detallou que falou coas familias dos 28 activistas que seguen nunha prisión israelí do deserto do Naqab para trasladarlles que durante esta segunda feira, "se non hai cambios de última hora", sairán de Israel con destino á península.

"Esa é a idea e iso é o que xa temos oficialmente confirmado con Israel", engadiu Albares, que con todo pediu prudencia até que "estean todos sentados no avión e co avión no aire", aínda que é previsíbel que hoxe chegue o grupo de 28 activistas restantes.

Albares afirmou que "igual que co grupo de 21" cidadáns, Exteriores ofreceu encargarse "completamente" da repatriación e do custo da mesma para os 28 españois restantes. Reivindicou ademais que o seu Ministerio vai facer "todo o que faga falta" para que "cheguen o máis rapidamente posíbel" ao Estado español.