A defensa da Flotilla denuncia que activistas con cancro e outras doenzas non reciben medicación en prisións israelís

A Global Sumud Flotilla, o domingo 31 de agosto en Barcelona. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

A organización Adalah alerta de “violencia física” e condicións insalubres nas cárceres onde permanecen detidos os máis de 400 participantes da Global Sumud Flotilla, interceptada en augas internacionais cando se dirixía a Gaza.

Os avogados da organización palestina Adalah, que representan as persoas detidas durante o asalto do Exército de Israel á Global Sumud Flotilla, denunciaron este domingo que moitos dos activistas permanecen sen recibir tratamentos médicos vitais, malia padecer cancro, enfermidades cardíacas ou hipertensión.

Nun comunicado, Adalah explicou que até o sábado as autoridades israelís negáronlles o acceso á medicación esencial, pondo en risco a vida de varias persoas. "Hai pacientes que precisan medicación diaria e non a están recibindo, entre eles persoas con tratamentos oncolóxicos", advertiu o grupo legal, que cualifica a situación de "violación grave dos dereitos humanos e do Dereito Internacional".

Os letrados puideron visitar máis de 80 activistas nas prisións de Ktzi’ot e Saharonim, situadas no deserto do Naqab, e documentaron deficiencias en cuestións básicas como o acceso á auga e á alimentación. Segundo o seu testemuño, "algúns participantes non recibiron comida desde a súa detención", mentres outros dormen no chan en celas masificadas e insalubres.

Tamén denunciaron malos tratos, interrogatorios a mans de persoas non identificadas e episodios de violencia física por parte do persoal penitenciario. Polo menos un activista resultou ferido nas mans, e varios aseguran que foron vendados dos ollos e mantidos esposados durante longos períodos de tempo.

Unha das mulleres detidas denunciou que foi obrigada a quitar o seu hiyab e só recibiu unha camiseta como substituto, mentres outras persoas informaron de restricións ás oracións e ao contacto co exterior.

Segundo Adalah, 87 das activistas e dos activistas detidos aínda non tiveron acceso a asistencia legal, e moitos tampouco puideron contactar coas súas familias por teléfono. A organización cualifica a situación de "trato inhumano" e "castigo colectivo" incompatíbel coas normas internacionais.