Ex maxistrados do Supremo e intelectuais querélanse contra o rei emérito por cinco delitos contra Facenda

Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Alegan que a Fiscalía informou o rei emérito de que tiña unha investigación aberta e de que os delitos fiscais non prescribiron.

Maxistrados xubilados do Tribunal Supremo, fiscais anticorrupción retirados e varios intelectuais presentaron unha querela criminal conxunta contra o rei Juan Carlos I ante a sala segunda do Supremo por cinco delitos fiscais contra a Facenda Pública.

Na querela, que adiantou El País e á que tivo acceso Europa Press, sinalan que eses cinco delitos fiscais que atribúen ao rei emérito entre 2014 e 2018 non prescribirían, á vez que sosteñen que a Fiscalía informou Juan Carlos de que se lle abriu unha investigación pola existencia de infraccións tributarias.

Os querelantes solicitan a declaración de Juan Carlos I e que comparezan como testemuñas persoas físicas, como o seu familiar Álvaro de Orleans Borbón, Arturo Fasana e Dante Canónica, e representantes legais das entidades societarias que aparecen no texto.

"O Ministerio Fiscal cando comunica a un investigado a apertura dunhas dilixencias de investigación na que existen datos de actividades irregulares con relevancia tributaria, nunca pode ter un coñecemento pormenorizado dos datos que avalan unha posíbel infracción tributaria porque se trata dunha información da que só pode ter coñecemento a Axencia Tributaria unha vez concluído o expediente sancionador que fecha o paso á posibilidade dunha regularización", lese no texto.

Así, entenden os querelantes "que os efectos da regularización da situación tributaria [...] aplicáronse indebidamente" porque "non concorren os requisitos legais previstos para que poida aplicarse a escusa absolutoria que leva aparellada unha regularización correcta".

Non prescribiu

A querela lembra que ao utilizar o emérito as fundacións (Zagatka e Lucum) con sedes en Liechtenstein e en Suíza, enténdese que se armou un sistema "para ocultar ou dificultar a determinación da contía defraudada", polo que se está ante a modalidade agravada do delito que estabelece penas de 2 a 6 anos de cárcere por cada delito e sitúa a prescrición aos 10 anos.

Os querelantes, cuxa representación legal ostenta o ex maxistrado e agora avogado José Antonio Martín Pallín e o letrado Eduardo Ranz, fan un repaso das investigacións realizadas pola Fiscalía Anticorrupción sobre o emérito que acabaron sendo elevadas á Fiscalía do Supremo en novembro de 2020. Así, lembran que se indagou no suposto uso de tarxetas de crédito vinculadas a fondos do empresario mexicano Allen Sanginés-Krause por parte do rei emérito e algún dos seus netos, no suposto cobro de comisións ilegais nas obras do AVE á Meca, na disposición por Juan Carlos I de diñeiro do empresario mexicano, e na existencia de sociedades en paraísos fiscais.

Os letrados recalcan que a Fiscalía notificou ao rei emérito en dúas ocasións en 2020 que estaba a ser investigado por posibles delitos contra a Facenda Pública e que Juan Carlos I realizou acto seguido dúas regularizacións fiscais: unha de 678.393,72 euros en decembro de 2020 e outra de 4.395.901,96 euros en febreiro de 2021 (incluíndo 871.851,24 euros de intereses de demora e recargas).

Engaden que o argumento que manexa a Fiscalía para considerar que a regularización se fixo en tempo e forma baséase en que nas dúas notificacións non se detallaban de forma pormenorizada os feitos que se imputaban. "Tal afirmación resulta incongruente", porque o representante legal do rei emérito "procedeu á regularización sobre os datos que lle facilitaba a Fiscalía e máis especificamente Anticorrupción", precisan, para agregar que o Código penal "descarta os efectos despenalizadores da escusa absolutoria, se se regulariza despois de ter un coñecemento formal, non necesariamente pormenorizado, da iniciación de dilixencias".

Para eles, "a cuestión céntrase en determinar se tal recoñecemento e pago produciuse antes de que o Ministerio Fiscal ou o xuíz de instrución realizasen actuacións que permitisen ao contribuínte ter coñecemento formal da iniciación de dilixencias".

Igualdade ante a lei

Os querelantes sinalan que dan este paso movidos por "a defensa do interese xeral" ao entender que existen delitos contra a Facenda Pública "que vulneran non só os preceptos do Código Penal [...] senón tamén os principios de igualdade e de solidariedade, ademais de obrigacións legais e éticas esixibles especialmente a aquelas persoas que ostentan cargos públicos de relevancia constitucional, neste caso a Xefatura do Estado".

"Sexa cal for o resultado do presente escrito, os querelantes só temos o propósito de potenciar o valor superior da xustiza, os principios xerais do Estado de dereito e neste caso, a igualdade ante a lei", defenden.

A querela contra Juan Carlos I interponse, ademais de en nome de Martín Pallín e de Ranz, por Carlos Jiménez Villarejo, José María Mena Álvarez, Javier Pérez Royo, Miguel Moura Díaz, Josep Ramoneda Molins, Branca Rodríguez Ruiz, Joaquín Pablo Urías Martínez, Santiago Alba Rico, Pilar del Río Sánchez e Clemente Auger Liñán.