Inspectores avisan de que o emérito non está exento de delito fiscal se a Fiscalía lle notificou a investigación

Inspectores de Facenda avisan que Juan Carlos I non está exento de delito fiscal se a Fiscalía lle notificou xa a investigación. Ademais, precisan que o comunicado do avogado do rei emérito nega que houbese requirimento de Facenda pero non di nada da Fiscalía.

Os reis eméritos Juan Carlos I e Sofía de Grecia no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Os reis eméritos Juan Carlos I e Sofía de Grecia no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Asociación de Inspectores de Facenda do Estado pronunciouse esta terza feira, 2 de marzo, sobre as acusacións dun suposto trato de favor ao rei emérito, Juan Carlos I, tras coñecerse a semana pasada a segunda regulación fiscal deste. A asociación insiste en que é secreto a quen se investiga e advirten de que o paso dado polo pai de Felipe VI podería non impedir o seu procesamento por delitos fiscais se a Fiscalía lle notificou xa a apertura de dilixencias de investigacións na súa contra.

Neste sentido e polo que se refire ao carácter voluntario das regularizacións fiscais realizadas por Juan Carlos I con vistas a impedir "a persecución dos delitos fiscais", a Asociación de Inspectores lembrou que se debe proceder "ao completo recoñecemento e pago da débeda tributaria (incluíndo os intereses de demora e recargas que correspondesen), antes de que a Administración Tributaria notifique o inicio de actuacións, denuncias ou dilixencias por parte da AEAT, do Ministerio Fiscal ou do xuíz de Instrución".

Por iso, e facendo referencia ás informacións publicadas na prensa, segundo as cales a Fiscalía xa tería notificado ao emérito as dilixencias de investigación abertas na súa contra, os inspectores de Facenda subliñaron que "as regularizacións efectuadas non impedirían a persecución dos delitos fiscais".

Así, desde a asociación resaltaron que no comunicado publicado polo avogado de Juan Carlos I, este explicou que "non existiu ningún requirimento previo, pero non di nada respecto de se ten coñecemento formal das dilixencias practicadas pola Fiscalía".

Nun longo comunicado, lembraron que a lei impón á AEAT "o deber de secreto", salvo nos casos de "colaboración cos órganos xurisdicionais e o Ministerio Fiscal na investigación ou persecución de delitos que non sexan perseguíbeis unicamente a instancia de persoa agraviada".

Así pois, recalcaron, a Axencia Tributaria "non pode facer público se está ou non investigando unha persoa determinada, ou se ten intención de facelo".

O Congreso veta preguntas sobre o emérito e a fraude fiscal

Volveu acontecer: PSOE, PP e Vox impediron cos seus votos na Mesa do Congreso que prosperasen diversas peticións e preguntas parlamentares sobre as posíbeis fraudes fiscais do rei emérito Juan Carlos I. Unidas Podemos ficou só votando a prol. 

Primeiramente, a Mesa vetou a tramitación da petición de comparecencia da ministra de Facenda, María Jesús Montero, e da directora da Axencia Tributaria para que explicasen "en que circunstancias, condicións e termos se produciu a regularización opaca de catro millóns de euros, de dubidosa procedencia, por parte de Juan Carlos de Borbón".

A petición foi asinada polas forzas soberanistas BNG, ERC, Junts, PDeCat, CUP e Bildu. Ademais, a Mesa tamén rexeitou unha pregunta de Junts sobre por que Facenda non abriu ningún expediente ao emérito.

PSOE, PP e  Vox recorreron para tombar esas iniciativas a un informe das e dos letrados contrario a  facer públicos datos fiscais privados por vulnerar a lei.

Con todo, esas mesmas formacións soberanistas insisten en investigar o emérito, e xunto a Más País, Compromís e PNV rexistraron esta terza feira, 2 de marzo, no Congreso a súa sétima petición para que a Cámara abra unha comisión de investigación sobre Juan Carlos I. Salvo o PNV, que se suma agora á iniciativa, as demais formacións xa solicitaron en decembro, tras a primeira regularización presentada ante Facenda polo emérito, que a Cámara crease unha comisión de investigación sobre as súas actividades supostamente irregulares. Aquela iniciativa e outra similar impulsada por algúns destes grupos e Unidas Podemos foron freadas na Mesa do Congreso polo PSOE, PP e  Vox. Esta vez a petición vai sen a sinatura de Unidas Podemos, que si avanzou que a apoiará cando chegue á Mesa a semana que vén.

Esta sétima iniciativa ten como obxectivo que se investiguen as irregularidades de membros da Familia Real así como dos seus colaboradores, a orixe e destino dos fondos e fluxos monetarios referidos nos rexistros de uso das chamadas tarxetas 'black' e as súas posíbeis influencias na política diplomática e comercial do Estado español con Arabia Saudita.

Recusan os xuíces do Supremo que arquivaron a querela a Juan Carlos I

O Partido Comunista de España, Izquierda Unida e o Foro de Avogadas e Avogados de Esquerda recusaron os maxistrados da Sala do Penal do Tribunal Supremo, encabezados polo seu presidente Manuel Marchena, que o 15 de febreiro arquivaron a querela que presentaron contra o rei emérito por presuntos delitos relacionados co cobro de comisións ilegais e con ingresos non declarados a Facenda.

Consideran que polas expresións vertidas no auto, os maxistrados incorren en falta de aparencia de imparcialidade e deberían absterse de estudar o asunto. Estes xuíces arquivaron a querela defendendo que se baseaba en noticias xornalísticas. De prosperar a recusación, esperan que os maxistrados sexan substituídos por outros compañeiros para a resolución do recurso de  súplica que presentaron contra o arquivo da querela.
 

Comentarios