A Eurocámara pide PCR gratuítas para turistas e que o certificado Covid exima de corentena

Bruxelas ve "realista e factíbel" que estea a punto en xuño

O pleno do Parlamento europeo quer que os test PCR que se realicen aos viaxeiros e viaxeiras para poder desprazarse dentro da Unión Europea co certificado Covid sexan probas "gratuítas" para evitar a discriminación entre os europeos que poderán viaxar por recibir sen custo a vacina contra o coronavirus.

É unha das liñas vermellas fixadas polos eurodeputados e eurodeputadas para a negociación que a  Eurocámara iniciará agora cos 27 e a Comisión Europea co obxectivo de que o novo certificado estea a punto antes de que acabe xuño, de modo que sirva de impulso ao sector turístico na tempada de verán.

O mandato de negociación, que se votou na cuarta feira aínda que o resultado coñeceuse esta quinta, saíu adiante cunha ampla maioría de 540 votos a favor, 119 en contra e 31 abstencións.

O texto pide tamén mudar o nome para que sexa máis descritivo (Certificado UE Covid-19) e corrixa a errónea impresión de que ten relación con cuestións ambientais como ocorre co nome proposto de saída (Certificado Verde Dixital).

O Executivo comunitario está convencido de que é "realista e factíbel" lograr o acordo a tempo e que o seu desenvolvemento técnico estea tamén a punto para xuño, dixo un portavoz comunitario tras o voto da  Eurocámara.

Sobre o prezo dos test, o portavoz lembrou que non é un asunto que Bruxelas leve na súa proposta inicial porque o prezo dos medicamentos é un asunto que recae exclusivamente nas competencias dos Estados membro.

Os eurodeputados coinciden con Bruxelas e o Consello en que debe ser un documento gratuíto para todos, que se poderá expedir en formato físico ou dixital, e que en ningún caso deberá ser entendido como un "pasaporte" que abra fronteiras, senón como un documento con información médica para adaptar ao viaxeiro as restricións por pandemia.

O certificado servirá ao seu titular para certificar se foi vacinado -con que vacina e cando-, se está inmunizado porque superou xa a enfermidade ou, como terceira opción, se conta cun test diagnóstico negativo realizado nas 72 horas previas á viaxe.

Por iso, os eurodeputados advirten na súa posición de negociación que cren que os test vinculados ao certificado deben ser "universais, accesíbeis e gratuítos" para todos os europeos, para evitar que as persoas que non foron vacinadas sufran unha discriminación de tipo económico.

En canto ás vacinas recoñecidas polo certificado, os eurodeputados piden que só sexan expedidos a pacientes que fosen  inoculados con vacinas autorizadas pola Axencia Europea do Medicamento ( EMA), aínda que deixa a porta aberta a que cada país decida se recoñece outros certificados emitidos por Estados membro para vacinas recollidas na lista da Organización Mundial da Saúde.