Os EUA "non saben" que están a facer coa guerra contra Irán: "Parece que están sen rumbo"

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: Andrew Leyden / ZUMA Press Wire / dp / DPA)
A retórica dos EUA é tan caótica que mentres o presidente afirma que a operación está "practicamente terminada", o seu enviado especial en Oriente Medio, Steve Witkoff, non é quen de contestar cal é o obxectivo deste conflito.

O Goberno dos Estados Unidos está preocupado ante a posibilidade de non ser quen de controlar a guerra que iniciou contra Irán e as consecuencias derivadas do conflito, ou cando menos todo parece indicar que esta é a realidade en Washington.

Neste sentido, o secretario de Guerra dos EUA, Pete Hegseth, anunciaba que esta terza feira sería, "novamente, o noso día más intenso de ataques dentro de Irán". Ao tempo, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, abría a porta a unha negociación co país persa para rematar o conflito. "É posíbel. Depende dos termos. É posíbel, só posíbel", dicía no que parecía unha lexitimación dunha potencial saída deste guerra.

Todo isto despois de que Trump tivera que tranquilizar os mercados afirmando que a operación está "practicamente terminada", mais as palabras dos seu aliado non indican o mesmo. "Estamos a romperlles os ósos [aos iranianos], e o noso brazo aínda está estendido", afirmaba esta terza feira o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netayahu, deixando ver a súa disposición a continuar a agresión contra Irán.

A retórica dos EUA é tan caótica que mentres o presidente afirma que a operación está "practicamente terminada", o seu enviado especial en Oriente Medio, Steve Witkoff, non é quen de contestar cal é o obxectivo deste conflito. "Non o sei, mais si sei que o presidente Trump é o tipo equivocado co que enfrontarse", sostivo esta terza feira.

O presidente dos EUA chegou a chamar ao seu homólogo ruso, Vladimir Putin, con quen non conversaba desde comezos de xaneiro cando tivo lugar o secuestro do líder venezolano Nicolás Maduro. Horas despois, o ruso trasladou ao seu par iraniano, Masud Pezeshkian, o seu apoio a unha saída "rápida" do conflito.

"Non vexo un obxectivo lóxico nas súas accións. Ao principio fracasaron en alcanzar os seus obxectivos e agora, despois de dez días, parece que están sen rumbo", manifestou diante deste contexto o ministro de Exteriores iraniano, Abbas Araqchi.

Costa contradí Von der Leyen

O presidente do Consello Europeo, António Costa, desmarcouse esta terza feira da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e avogou por "garantir que o mundo siga baseado en regras" nun contexto internacional onde, afirmou, os EUA "desafían a orde internacional". As declaracións de Costa chegan logo de que a alemá defendera que a UE "xa non pode confiar" nun sistema internacional baseado en regras como "a única maneira" de defender os seus intereses.

Mais o rumbo seguido pola conservadora alemá parece que é o que está a seguir o Goberno do seu país, e algún outro. Neste sentido, o ministro de Exteriores de Alemaña, Johann Wadephul, visitou esta terza feira Israel, desde onde lexitimou a guerra contra Irán afirmando, sen ningún tipo de sustento, que o seu final pasa porque o país persa poña fin ao seu "programa nuclear militar".

Tamén exixiu que Irán renuncie ao seu programa de mísiles balísticos, algo ao que non está obrigado por ningún tipo de restrición internacional e que desde Tehran consideran unha entrega total da súa soberanía.

Colaboración na guerra

A visita de Wadephul non pareceu ser casualidade, pois coincidiu co día no que Alemaña, Italia e o Reino Unido anunciaron un acordo para colaborar "estreitamente" durante os próximos días fronte a Irán, especialmente no respectivo á situación no estreito de Ormuz, onde o tráfico marítimo colapsou tras o inicio da guerra por parte dos EUA e Israel.

Pola súa parte, a ministra gala das Forzas Armadas, Catherine Vautrin, afirmou esta terza feira que o país xa fixo entrega de sistemas de defensa aérea aos seus aliados en Oriente Medio, entre eles os Emiratos Árabes Unidos e Qatar. Con todo, asegurou que Francia "non é parte do conflito", despois do envío do portaavións Charles de Gaulle ao Mediterráneo.