Os EUA compran case todo o stock de remdesivir, fármaco que trata a COVID

O medicamento, neste caso da compañía Eva Pharma (Fadel Dawood / dpa)
Expertos e activistas están alarmados tanto pola acción unilateral dos EUA como polas implicacións máis amplas, por exemplo, no caso de que unha vacina estea dispoñíbel, polo acceso dos países máis pobres.

O Goberno dos EUA informou nas últimas horas de que comprara case todas as existencias de remdesivir durante os próximos tres meses. Este é un dos dous medicamentos que funcionan contra a COVID-19 e o primeiro aprobado polas autoridades estadounidenses e da Unión Europea para tratar a enfermidade que provoca o novo coronavirus.

Desta maneira, deixa sen abastecemento o resto do mundo. As primeiras 140.000 doses, usadas para ensaios en todo o mundo, esgotáronse. Agora, o Goberno que preside Donald Trump fíxose con 500.000 doses, que é toda a produción da estadounidense Gilead ─o seu principal fabricante─ para xullo e 90% de agosto e setembro, segundo anunciou o Departamento de Saúde.

Países pobres

Expertos e activistas están alarmados tanto pola acción unilateral dos EUA como polas implicacións máis amplas, por exemplo, no caso de que unha vacina estea dispoñíbel. "Como teñen acceso á maior parte do subministro de medicamentos [de remdesivir] no fica nada para Europa”, segundo sinalou Andrew Hill, investigador da Universidade de Liverpool, ao periódico The Guardian.  

Nunha carta aberta, datada o pasado 30 de marzo cando aínda non se probara a eficacia do remdesivir, unhas 150 organizacións civís dedicadas á saúde pública de todo o mundo, entre estas Médicos sen Fronteiras, advertiron do perigo de que Gilead se fixese co monopolio do medicamento, xa que ameazaría o acceso ao tratamento por parte dos países menos favorecidos. 

"Actualmente, non hai centros de produción para este antiviral fóra dos Estados Unidos, e a compañía reduciu recentemente a escala do seu programa de uso compasivo debido á abafadora demanda", afirmaban daquela as organizacións asinantes.