EUA: De cando os negros comían á parte

Lyndon B. Johnson e Martin Luther King Jr. saúdanse tras asinar o primeiro a Lei de Dereitos Civís (Nós Diario)
Tal día como esta quinta feira de 1964, o entón presidente dos Estados Unidos, Lyndon B. Johnson, asinaba a Lei de Dereitos Civís que remataba coa segregación nos espazos públicos en base á cor da pel. A norma supuxo un antes e un despois na historia do país, que non obstante non logrou acabar coas tensións raciais. 

Arredor dun cuarto da poboación dos EUA veu ao mundo nun país onde unha parte da cidadanía non tiña iguais dereitos que o resto, simplemente pola cor da pel. O 2 de xullo de 1964, hai esta quinta feira 56 anos, promulgábase a Lei de Dereitos Civís tras a asinar o daquela presidente, Lyndon B. Johnson. 

A partir de entón, non pode ser negada a atención á cidadanía negra ou de calquera outra minoría en lugares como xulgados, cines, piscinas ou restaurantes, onde ou ben se lles impedía a entrada ou se lles reservaba un lugar separado dos brancos.

A Lei de Dereitos Civís de 1964 tamén prohibe a discriminación laboral con base en cor, relixión, sexo ou orixe, e está considerada como o feche de ouro dos avances lexislativos do movemento polos dereitos civís. Mais para chegar a este punto percorreuse un longo camiño e, tal e como se puxo de manifesto durante este último mes tras a morte de George Floyd, non acabou coas tensións raciais.

Antes da lei

"Os EUA non serán completamente libres até que toda a súa cidadanía sexa libre", declaraba o 11 de xuño de 1963 o presidente John F. Kennedy, nun histórico discurso ao país, onde anunciaba que impulsaría a norma. Un Kennedy que, porén, cando en 1961 entrou na Casa Branca adiou a aprobación de novas medidas antidiscriminatorias. Os acontecementos de Alabama dese ano 1963 fixérono actuar.

En xaneiro, o novo gobernador de Alabama, George Wallace, no seu discurso inaugural afirmaba: "segregación agora, segregación mañá, segregación para sempre". En resposta a estas palabras, o reverendo Martin Luther King Jr. e o movemento polos dereitos civís do Estado lanzaron unha serie de protestas en Birmingham, a principal cidade de Alabama, marcadamente racista naquela altura.

King acabou preso o 12 de abril, Venres Santo, e as manifestacións posteriores ─pacíficas─ acabaron cunha violenta represión policial, con duras imaxes que percorreron o mundo.

Kennedy deu entón o histórico paso adiante, mais tan só cinco meses despois era asasinado en Dallas, Texas. Johnson, o seu vicepresidente, asumía entón o cargo e a responsabilidade de sacar adiante a lei, que tivo unha grande oposición por parte dos membros dos Estados sureños no Congreso. Alegaban que era inconstitucional e conculcaba os dereitos individuais. "Fagamos que esta sesión do Congreso sexa coñecida como a sesión que fixo máis polos dereitos civís que o último cento de sesións xuntas", declarou Johnson no seu primeiro debate do Estado da Unión. 

A lei foi aprobada nas dúas cámaras do Congreso coa maioría demócrata e o apoio de parte da bancada republicana, e promulgábase o 2 de xullo. Convertíase na primeira norma contra a discriminación racial desde a Reconstrución (1865-1877), a turbulenta época que sucedeu á Guerra Civil. De entón son as 13ª, 14ª e 15ª emendas da Constitución. A primeira aboliu a escravitude, a segunda deu a cidadanía aos escravos liberados e a terceira, o dereito de voto.

Con todo, en numerosos Estados, especialmente do Sur, a través dunha serie de normas e aproveitando a súa falla de alfabetización, mantívose a cidadanía negra privada de dereitos.  

Despois da lei

A norma, un éxito do movemento pacífico despois de máis dunha década de loita, non contentou a un crecente número de persoas, nomeadamente mozas e mozos negros, que consideraban que as protestas contra a segregación deixaban fóra problemas máis profundos como a pobreza e o racismo sistémico.

Conceptos como "orgullo racial" e "autodeterminación", defendidos por Malcom X ─asasinado en 1965─, así como os movementos anticoloniais e de liberación nacional en África, América Latina e Asia fixeron florecer a finais desa década e durante a seguinte o movemento Black Power ("poder negro"), enfocado a un empoderamento social, político e económico de seu, máis que á integración nunha sociedade dominada polos brancos. 

Dentro deste movemento enmárcanse grupos como o partido Black Panther ("panteira negra"), que en base aos preceptos de Malcom X buscaba lograr estes obxectivos "por calquera medio necesario". Nacido en 1966, a actividade orixinaria era formar patrullas de cidadáns armados para desafiar a brutalidade policial contra os negros en Oakland, California.