Un empresario relata como financiaba ilegalmente o PP

"Eu axudo o partido en xeral para que el me axude en xeral"

Sede do Canal Isabel II, en Madrid. Foto: cedida.

A gravación dunha conversa entre o empresario Rafael Palencia e o ex director xeral do Canal Isabel II de Madrid Ildefonso de Miguel vén de revelar os métodos cos que o Partido Popular xeraba a súa caixa B. A Cadena Ser difundiu esta mañá os fragmentos de audio en que Palencia explica como entregaba periodicamente 35.000 euros na sede da organización. Recollíannos Álvaro Lapuerta ou Luis Bárcenas.
 

"Eu axudo o partido en xeral para que el me axude en xeral", expón o empresario na gravación, realizada en 2008. A cambio, recibía obras, grazas á mediación de Bárcenas ou Lapuerta con -sobre todo- administracións locais. Unha vez lle adxudicaban a obra, o emprendedor volvía pagar, neste caso ao PP do territorio en que obtivera o favor, un 2 ou 3% do importe da obra. Palencia insinúa que tamén pagou a administracións gobernadas polo PSOE.

 

O documento sonoro foi incautado pola Garda Civil nun despacho de Ildefonso de Miguel dentro da Operación Lezo, que investiga irregularidades e corrupción no Canal Isabel II.

 

A Cadena Ser tamén destapou unha charla entre o ex presidente da Comunidade de Madrid Ignacio González e o ex ministro Eduardo Zaplana en que González asegura que a gravación de Palencia foi usada para chantaxear a Mariano Rajoy a través de Julio Ariza, o propietario do grupo Intereconomía. Segundo González, Rajoy enviou Luis Bárcenas pagar para tapar o asunto.