O Estado español, Irlanda, Países Baixos e Eslovenia non participarán en Eurovisión pola presenza de Israel
RTVE confirmou a través dun comunicado a súa retirada do certame alertando da situación en Gaza e considerando que "cada vez é máis difícil manter Eurovisión como un evento cultural neutral".
Xenebra (Suíza) acolleu esta quinta feira a 95ª Asemblea Xeral da Unión Europea de Radiodifusión (UER), ente organizador do Festival de Eurovisión. Unha xuntanza na que finalmente se decidiu que Israel poderá participar na edición de 2026 a pesar das reiteradas peticións de diferentes países de impedir a súa presenza por mor do xenocidio que está a cometer na Faixa de Gaza e logo de que si se vetase Rusia pola invasión de Ucraína.
Unha decisión que trouxo debate entre os países participantes, polo que a organización estimou unha data máxima para que poidan valorar a súa retirada do certame. E entre os que xa confirmaron a súa retirada están os Países Baixos e o Estado español, que foron os primieros en anunciala, Irlanda e Eslovenia.
RTVE anunciou esta mesma quinta feira nun comunicado a retirada de España do Festival de Eurovisión tras as votacións da 95ª Asemblea Xeral da UER. O Consello de Administración de RTVE xa acordara o pasado mes de setembro que se retiraría de Eurovisión se Israel formaba parte. A corporación pública española solicitou por escrito a votación secreta na Asemblea, xunto con outros sete países. A presidencia da UER denegoulle a RTVE a realización dunha votación específica sobre a participación de Israel.
Na súa intervención ante a Asemblea Xeral previa ás votacións, o secretario xeral de RTVE, Alfonso Morales, explicou que a Corporación "recoñece e valora" as medidas adoptadas pola UER e o Grupo de Referencia para defender os principios e valores centrais do Festival de Eurovisión.
"Con todo, consideramos que estas medidas son insuficientes. Gustaríanos expresar as nosas serias dúbidas sobre a participación da televisión israelí KAN en Eurovisión 2026. A situación en Gaza, a pesar do cesamento do fogo e da aprobación do proceso de paz, e a utilización do certame para obxectivos políticos por parte de Israel, fan cada vez máis difícil manter Eurovisión como un evento cultural neutral", remarcou.
O responsábel da Corporación tamén expresou a súa preocupación pola "instrumentalización" do voto nas recentes edicións e pola ausencia de sancións a este respecto. "Non deberiamos aceptar dobres rapadoiras. A neutralidade e transparencia é un obxectivo común para garantir un resultado veraz que respecte á audiencia e aos cidadáns", sinalou.
Tamén solicitou unha votación sobre a posíbel suspensión temporal da participación de KAN por un período mínimo dun ano, coa opción dunha revisión posterior ao termo deste período, e avanzou que, en caso de non aprobarse, RTVE non participaría nesta edición. Pola súa parte, os demais membros da Unión Europea de Radiodifusión (UER) estiveron de acordo en que Eurovisión debía seguir adiante segundo o previsto, "coas garantías adicionais" estabelecidas.