Eslovaquia e Hungría anuncian unha comisión para inspeccionar o Druzhba, o oleoduto polo que transcorre o combustíbel ruso

Viktor Orbán e Robert Fico. (Foto: Álek Václav / CTK / DPA)
Fico e Orbán requiren a Zelenski que permita a supervisión do oleoduto.

O primeiro ministro de Eslovaquia, Robert Fico, e o seu homólogo de Hungría, Viktor Orbán, anunciaron esta sexta feira a creación dunha comisión conxunta para avaliar o estado do oleoduto Druzhba, fundamental para as subministracións rusas de combustíbel a estes dous países.

"Ucraína debe permitir que se inspeccione o estado do oleoduto Druzhba polos especialistas eslovacos, húngaros e a Comisión Europea", aseverou Fico. Neste sentido, aclarou que a comisión debe recibir a "autorización pertinente" para visitar a zona. "Posto que temos a información de que o oleoduto se atopa en condicións operativas, alcanzouse un acordo co primeiro ministro húngaro", dixo.

Na mesma liña, Orbán requiriu ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, permitir a entrada no territorio de Ucraína de "inspectores desta nova comisión bilateral e renovar o funcionamento do oleoduto", se ben desde Kíiv insisten en que Rusia danou a infraestrutura.

A polémica desatouse a finais de xaneiro, cando o Goberno de Ucraína decidiu suspender o transporte de cru por esta vía a Eslovaquia e Hungría polos supostos danos sufridos na tubaxe, o que suscitou numerosas críticas por parte de Eslovaquia e Hungría, que consideran a sub-
ministración do Druzhba para a súa seguridade enerxética.

A central de Zaporozhia

Por outra parte, o Organismo Internacional para a Enerxía Atómica (OIEA) anunciou esta sexta feira un novo "cesamento do fogo local" para permitir traballos de reparación dunha das liñas de subministración da central nuclear de Zaporiyia, situada no territorio ucraíno actualmente controlado por Rusia no marco da guerra entre os dous países.