Enfrontamento entre a Policía española e a selección peruana de fútbol: "Queriamos saudar a xente e comezaron a dar puñadas"

Axentes policiais no hotel da selección peruana. (Foto: @RolyRobinsonE / Twitter)
O Goberno do Perú pide explicacións ás autoridades españolas para "esclarecer o sucedido". Segundo as primeiras informacións transcendidas, un axente confundiu varios xogadores con seareiros e cargou contra eles.

Varios xogadores da selección de fútbol de Perú protagonizaron momentos de tensión na noite desta segunda feira nun enfrontamento con axentes da Policía Nacional nos exteriores do hotel no que se aloxaban en Madrid, onde xogarán esta terza feira un partido amigábel fronte a Marrocos. Os altercados orixináronse cando efectivos da Unidade de Intervención Policial (UIP) —antidisturbios— mobilizados pola notábel concentración de persoas fronte ao hotel "interpuxéronse, para evitar unha avalancha, entre os afeccionados e os futbolistas", segundo trasladaron fontes policiais á axencia Europa Press.

"Queriamos saudar a xente e empezaron a dar puñadas", dixo o porteiro e capitán peruano Pedro Gallese minutos despois do tenso enfrontamento, que comezou cando os futbolistas decidiron achegarse á multitude para agradecer o seu apoio. Nese momento, segundo a versión policial, "un xogador do Perú golpeou nun ollo un axente", que precisou asistencia médica do Summa 112. A axencia EFE apunta que o policía empurrou o centrocampista Yoshimar Yotún, confundindo este e outros integrantes da selección con seareiros. Nese momento comezou a liorta.

Pedro Gallese foi detido e trasladado a unha comisaría en Chamartín (Madrid). Aliás, as mesmas fontes afirmaron que o altercado tivo lugar contra as 21.30 horas, á chegada do equipo ao hotel NH Collection Eurobuilding, situado neste distrito madrileño. Desde horas antes, arredor das 19h, comezaron a chegar seguidores da selección peruana ás portas do edificio.

A Policía cifrou nunhas 300 persoas as que alí se concentraron e sinalaron que algúns portaban bengalas. Este incidente saldouse con Gallese detido tras ser denunciado polo axente, se ben abandonou a comisaría sen cargos, precisaron desde a Federación Peruana de Fútbol (FPF) a través dun comunicado. O gardameta saíu das dependencias policiais en liberdade pasadas as 3 horas desta madrugada e foi trasladado de novo ao hotel no que se aloxaban os seus compañeiros.

O Ministerio de Exteriores de Perú sinalou que o seu consulado en Madrid acompañou en todo momento o xogador na comisaría para prestar declaración e que "velará pola integridade física de todos os xogadores da selección". Tamén anunciou que solicitará o "esclarecemento inmediato" dos feitos ás autoridades. A prensa peruana non dubida en falar de "represión policial".

Na mesma liña, desde a FPF trasladaron a súa "solidariedade" e "apoio" a Pedro Gallese, a quen acompañaron en todo momento. "Reiteramos que somos respectuosos coas autoridades e procedementos de cada país que visitamos [...] Estamos a plena disposición dos organismos de control internos e externos para axudar a esclarecer o sucedido". No medio da liorta atopábase tamén o céltico Renato Tapia.