Elon Musk anuncia a súa saída do Goberno dos EUA entre críticas á política fiscal de Trump
Elon Musk di adeus. O magnate anunciou esta cuarta feira que abandona o seu posto na Casa Branca. Nunha mensaxe na súa conta de X comunicou que o seu tempo como "empregado especial do Goberno" de Donald Trump, onde dirixe o Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE, polas súas siglas en inglés), "chega ao seu fin".
O anunciou produciuse apenas un día despois de que recoñecese a súa "decepción" co proxecto de reforma fiscal do presidente estadounidense ao consideralo insuficiente, ademais dunha proposta que pon en risco o seu traballo á fronte da controvertida carteira que liderou até o momento, para reducir "o gasto innecesario".
"A medida que o meu tempo programado como empregado especial do Goberno chega ao seu fin, gustaríame agradecer ao presidente, Donald Trump, pola oportunidade de reducir o gasto desbaldidor", declarou na súa rede social X, onde asegurou que o DOGE "fortalecerase co tempo a medida que se converta nunha forma de vida en todo o Goberno".
Fontes da Administración Trump citadas pola cadea de televisión CBS confirmaron que a saída de Musk da Casa Branca é efectiva desde esta madrugada.
Críticas na despedida
O anuncio do multimillonario surafricano chega un día despois de que confesase nunha entrevista concedida á CBS que o "decepcionou ver o enorme proxecto de lei de gastos, que aumenta o déficit orzamentario, non o reduce", en referencia á reforma fiscal impulsada por Trump.
Pola súa parte, o mandatario restou importancia a estes reproches alegando que "non podemos estar a recortar, necesitamos conseguir moito apoio", en alusión a unha lei que, aínda que estende os recortes impostos en 2017 durante o seu primeiro mandato, aumenta o gasto en defensa e política migratoria. O proxecto terá agora que pasar polo Senado, despois de conseguir a súa aprobación na Cámara de Representantes por tan só un voto de diferenza a semana pasada.
Catro meses despois de estrear da man o segundo mandato de Donal Trump na Casa Branca e a exhibición dunha gran sintonía durante a campaña electoral, o home máis rico do mundo e presidente dos Estados Unidos separan os seus camiños. Porén, Musk foise apartando aos poucos non só da primeira liña política, senón tamén do seu traballo á fronte do DOGE, que nas súas primeiras semanas en funcionamento despediu miles de traballadores e reduciu, entre outras, as actividades de axuda exterior do Goberno dos Estados Unidos.
En abril, ante unha pronunciada caída de máis de 71% dos beneficios da súa empresa Tesla, Musk anunciou que limitaría o seu labor como asesor do Goberno.