El País publica unha foto falsa de Chávez e vese na obriga de parar a edición

Imaxe difundida polo xornal El País
O diario español vén de pedir desculpas após retirar boa parte dos xornais.

 

Na capa. Coma quen acaba de descubrir o Dourado, o diario español tivo que retirar dos quiosques e mesmo parar as rotativas esta quinta feira após publicar unha imaxe en que un home intubado dicía ser o presidente venezolano, Hugo Chávez. Acompañada dun titular que procuraba ser revelador "El secreto de la enfermedad de Chávez", El País rematou por pedir desculpas aos seus lectores após decatárense do erro cometido.

Segundo a rectificación publicada polo xornal, a fotografía fora "suministrada" pola axencia informativa Gtres Online e fora publicada previamente na súa edición dixital.

Após coñecerse que a persoa fotografada era un cidadán mexicano e non o líder bolivariano, as redes sociais ferveron en críticas a El País, en grande medida motivadas pola falta de rigorosidade á hora de verificar a identidade do suxeito e a veracidade ou data da fotografía.