Efectos da Covid: máis riqueza para unha elite e incremento da brecha social

Cola para a recollida de alimentos nunha fundación madrileña. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Oxfam Intermón exixe máis políticas públicas para redistribuír os grupos económicos toda vez que o 99% da poboación do mundo sufriu un deterioro dos seus ingresos a consecuencia da pandemia.

Os dez homes máis ricos do mundo o son hoxe aínda máis. Así o revela Oxfam Intermón nun estudo que vén de facer público e que explica que, como efecto derivado do coronavirus, estas dez fortunas duplicáronse mentres os ingresos do 99% da poboación mundial baixaron en paralelo tamén pola pandemia.

"Se estes dez homes perdesen mañá o 99,999% da súa riqueza, seguirían sendo máis ricos que o 99% das persoas do planeta", afirma o director de entidade, Franc Cortada. Neste sentido, calculan que perto de 160 millóns de persoas están xa en situación de pobreza polo virus.

De estabelecer un imposto puntual a estas fortunas, habería marxe de mellorar os servizos de saúde e producir vacinas para todo o mundo, segundo incide Oxfam.

Segundo as estimacións da institución no seu documento ‘As desigualdades matan’, cada 26 horas o mundo suma unha persoa milmillonaria, mais as desigualdades e a brecha social continúan facéndose máis amplas. Estas, din, contribuirían á morte dunha persoa cada catro segundos. Loitar contra as desigualdades, como demandan ás Administracións públicas, podería evitar 21.000 falecementos ao día.

Entenden que o número de mortes podería ser maior porque fan “estimacións conservadoras baseadas no número a nivel global pola falta de acceso a servizos de saúde, a violencia de xénero, a fame e a crise climática”.

Nun 29% en España

O estudo, publicado co galo da Axenda de Davos do Foro Económico Mundial, destaca que tan só no Estado español e só con estatísticas do primeiro ano da Covid-19, máis dun millón de cidadás pasaron a unha situación de carencia material severa.

Pola contra, “os 23 principais milmillonarios españois viron crecer a súa riqueza nun 29%”.

Neste contexto, Cortada remarca que “nunca resultou máis urxente pór fin a unhas desigualdades tan violentas e obscenas, rompendo coa acumulación de poder e de riqueza extrema das elites”.

Así, solicitan ás autoridades públicas cambios para a redistribución da riqueza que pasarían, ao seu entender, por medidas fiscais que leven a “unha economía real”.

Contexto económico e social

"Hai quen tivo unha pandemia de luxo. Mentres os bancos centrais e os gobernos dos países ricos inxectaban billóns de dólares para salvar a economía, unha gran parte parece acabar nos petos dos máis ricos que se aproveitaron do auxe dos mercados bolsistas e outros activos”, lamenta o representante da entidade.

Desde Oxfam Intermón amósanse preocupados do resultado: “Máis riqueza para uns poucos e máis débeda pública para todos. Estímase que a desigualdade entre países crecerá por primeira vez nunha xeración”.

Dada esta situación, por exemplo, falan de prexuízos de carácter racializado e tamén de xénero, pois, por exemplo, aseguran que fechar a brecha entre homes e mulleres levará 36 anos máis do previsto.

A nivel do Estado español, Cortada advirte de que a cidadanía non se debería "permitir ver como cae o noso sistema público de saúde, mentres uns poucos ven aumentar a súa riqueza. Non é xusto”.