Duras críticas a Trump pola súa morna posición fronte aos supremacistas brancos

Trump

Evitou mencionalos directamente ao se referir o sucedido en Charlottesville. As críticas chegáronlle tamén desde as propias fileiras republicanas.

Donald Trump recibeu nas últimas horas duras críticas, tamén desde dentro do seu propio partido, pola súa postura morna a respecto dos sucesos do sábado en Charlottesville, onde unha persoa faleceu e varias resultaron feridas nun atropelo masivo contra unha marcha antifascista que protestaba contra un acto de supremacistas brancos, racistas e neonazis.

 

Trump limitouse nun primeiro momento a condenar a violencia de ambas as dúas partes, evitando mencionar directamente os supremacistas. Na comparecencia de prensa condenou nos “termos máis fortes” o odio e a intolerencia, apontando que “veñen de todos lados”, co que equiparaba atacantes e atacados, antifascistas e nazis.

 

 

As palabras do presidente non gostaron a ninguén. O senador por Colorado, Cory Gardner, republicano, pediu a Trmp que “chame ao mal polo seu nome. Son supremacistas brancos e isto foi terrorismo doméstico”. O presidente da Cámara de Representantes, Paul Ryan, tamén republicano, criticou a “praga” que supón a “supremacía branca”, cargando contra “o seu terrorismo”.