Donald Trump intenta gañar tempo ante unha opinión pública que lle dá as costas e unha Administración que se fractura

Manifestación en Salt Lake City (Utah), o pasado sábado, no marco das protestas 'No Kings' contra o presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Madeleine Kelly / Zuma Press / Contacto)
A aprobación da Administración Trump baixa a cada día que avanza, especialmente en termos económicos e especialmente entre o seu propio electorado. Ao tempo, as divisións no propio Goberno pola guerra no Irán, mais tamén por outras cuestións, son cada vez maiores. A fiscal xeral dos Estados Unidos, Pam Bondi, foi destituída polo presidente, e os focos agora están na directora de Intelixencia, Tulsi Gabbard.

Donald Trump, o presidente dos Estados Unidos, fixo esta quinta feira un intento de gañar tempo ante unha opinión pública que cada vez lle dá máis as costas. A aprobación do mandatario caeu progresivamente no que vai de ano, segundo unha nova enquisa da CNN, cuxos resultados sinalan que o índice pasou de 39% a 35% desde xaneiro. Mais o principal problema do mandatario está nas súas propias filas: a porcentaxe de republicanos que aproban firmemente a súa xestión caeu a 43%, desde o 52 % do pasado xaneiro.

Neste contexto, Trump recorreu ao horario de máxima audiencia para intentar atallar a sangría de apoios realizando unha mensaxe á cidadanía. A expectativa era a dalgún anuncio importante sobre o futuro da guerra, mais nada diso aconteceu: o líder norteamericano persistiu no seu compendio de afirmacións e xustificacións contraditorias sobre o actual conflito.

Se na retórica de Trump Irán leva anos ou décadas "a punto" de conseguir desenvolver unha arma nuclear (até que el o "evitou"), el leva semanas "a punto", como dixo esta quinta feira, de cumprir "todos" os seus obxectivos no país persa. Con todo, informou de que seguirá asestando "fortes" ataques nas próximas "dúas o tres semanas".

Isto implica que, no caso de que a guerra teña tras ese período o seu final, Trump xa recoñece un escenario de mínimo dous meses de guerra. Nos primeiros 34 días de conflito, segundo as estimacións do Iran War Cost Tracker –que toma como base a información do Pentágono ao Congreso–, o custo da operación xa case alcanza uns 40.000 millóns de dólares.

O líder norteamericano defendeu que a crise enerxética global  non é un problema para os Estados Unidos, senón de quen ten unha dependencia directa do petróleo e do gas do golfo Pérsico. Son, dixo, "o primeiro produtor de petróleo e gas do planeta".

Mais o mandatario obvia o feito de que a tensión nos mercados tamén eleva os prezos do combustíbel nos EUA, con independencia de que este chegue ou non de Oriente Medio. Algo que se intensificou tras a súa ameaza de "devolver" Irán "á Idade de Pedra, á que pertencen", así como pola resposta da parte persa a isto.

Tras estas palabras, o West Texas Intermediate (WTI), o barril de referencia nos Estados Unidos, chegou na tarde de esta quinta feira a cotizar na contorna dos 114 dólares, cunha suba de 16,8% con respecto á xornada anterior. O prezo dos futuros do WTI o 27 de febreiro, o día antes da agresión contra Irán, era de 67,39 dólares. Isto implica que o barril chegou esta quinta feira a cotizar 69,1% por riba do custo previo á guerra dos EUA e Israel no Irán.

Fractura tamén no Goberno

E neste contexto, segundo a nova enquisa da CNN, o índice de aprobación do presidente en materia de xestión económica caeu a un novo mínimo histórico do 31%, algo que está directamente relacionado coas consecuencias da guerra. Así, este índice caeu oito puntos en xeral desde xaneiro, e experimenta un descenso aínda maior, de 14 puntos, entre os republicanos, algo que tamén está xerando unha importante fenda no seo da Administración Trump.

Tanto que Trump destituíu esta quinta feira do cargo a súa fiscal xeral, Pam Bondi, segundo adiantaron CNN e Fox News, que aseguraron que o seu substituto será o até agora fiscal xeral adxunto, Todd Blanche. Persoas do círculo íntimo do líder dos EUA levaban tempo molestos pola xestión que Bondi fixo dos expedientes de Epstein.

Esta saída demostra a división na Administración dos Estados Unidos, mais no relacionado co Irán, existe un movemento aínda máis importante. Segundo informou esta quinta feira The Guardian, Trump preguntou en privado aos membros do gabinete nas últimas semanas se debería substituír a súa directora de Intelixencia, Tulsi Gabbard, expresando a súa frustración porque protexeu un ex adxunto que desacreditou a súa xustificación para a guerra co Irán, segundo dúas fontes informadas sobre as conversas.

Non está claro que Trump vaia despedir realmente Gabbard polo episodio. Segundo esta información, non hai ningún candidato destacado para ocupar o posto, e as persoas máis próximas a Trump no gabinete advertiron de que crear unha vacante de alto perfil antes de que haxa outra persoa lista para ocupala podería causar distraccións políticas pouco útiles no contexto da guerra.

O que si está claro é que a parte dura do Goberno, aquela máis disposta a levar tropas ao terreo no Irán, como o secretario de Guerra, Pete Hegseth, ou o secretario de Estado, Marco Rubio, están gañando a partida pola influencia dentro da Casa Branca. Aquelas persoas máis críticas nas canles internas coa agresión contra Irán e as súas implicacións, como a propia Gabbard ou o vicepresidente dos Estados Unidos, James David Vance, están no punto de mira do mandatario.

Atrapado no conflito

Mentres, Irán segue a demostrar a súa capacidade para facer dano aos intereses estadounidenses. Despois de marcar esta cuarta feira como obxectivos unha vintena de empresas dos EUA, a Garda Revolucionaria iraniana reivindicou esta quinta feira un ataque a un centro de computación de Amazon en Bahrain.

Por outra parte, os hutís atacaron esta quinta feira territorio israelí con mísiles, informaron as Forzas de Defensa de Israel. O lanzamento desde Iemen tivo lugar simultaneamente con ataques do Irán contra o centro do Estado sionista.

E, neste contexto, Trump fica atrapado no seu propio conflito. Trata de vender que alcanzou os seus obxectivos ante a súa opinión pública para deixar aberta unha saída vitoriosa (segundo el) do Irán. Mais esta opción non implica necesariamente unha reapertura do estreito de Ormuz, e isto supón un gran problema para el.

Entón, está a outra alternativa, unha operación terrestre sobre Irán coa intención de asegurar a navegación nesta ruta. Mais iso implica tempo e vidas de soldados estadounidenses, e non ten o apoio da opinión pública. Só 34% dos e das estadounidenses aproban as accións militares no Irán, e 68% opóñense ao envío de tropas terrestres, di a sondaxe da CNN.

Aliados que marchan

En xeopolítica, cando perdes a túa percepción de poderoso e útil aos intereses, mesmo quen estivo baixo a túa tutela pode explorar novas alianzas, e os EUA están forzando que isto pase. A alta representante da Unión Europea para Política Exterior, Kaja Kallas, contactou esta quinta feira co ministro de Exteriores chinés, Wang Yi, nun achegamento diplomático para buscar solucións conxuntas á situación polo conflito, mais tamén ás guerras comerciais de Trump.

Pezeshkian fala á cidadanía dos EUA

Xusto nun momento no que o apoio ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cae, especialmente entre as bases do seu partido, o presidente do Irán, Masud Pezeshkian, dirixiu unha carta ao pobo dos EUA. "É realmente 'America First' unha das prioridades do Goberno estadounidense? A que intereses do pobo estadounidense beneficia realmente esta guerra? Non é certo que os EUA interviron nesta agresión como monicreque de Israel, influenciado e manipulado por ese réxime?", sinalou.