Donald Trump anuncia un encontro con Xi Jinping en Corea do Sur e unha posterior visita á China

Donald Trump e Xi Jinping. (Foto: Xinhua / Zuma Press / Contacto Photo vía Europa Press)
Trump afirmou que considera que Ucraína aínda é capaz de gañar o conflito con Rusia, mais admitiu que non cre que Kíiv o consiga.

O presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, anunciou esta segunda feira que manterá unha reunión co seu homólogo chinés, Xi Jinping, "nun par de semanas" en Corea do Sur, que acollerá do 31 de outubro ao 1 de novembro o cumio da Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC). Así mesmo, o presidente estadounidense revelou que visitará a China "a principios do próximo ano".

O mandatario afirmou ter "unha boa relación" con Xi, á vez que confiou en que alcanzarán un acordo comercial "xusto". Os EUA aplican un arancel do 55% sobre as exportacións chinesas. Se as partes non chegan a un acordo até o 1 de novembro, a taxa subirá até o 155%, lembrou Trump, sinalando que Washington recibe "unha cantidade tremenda de diñeiro" do estado asiático a través destes gravames.

Preguntado sobre se a alianza Aukus, conformada polos EUA, o Reino Unido e Australia, é un elemento disuasorio fronte a unha posíbel "invasión" de Taiwan por parte da China, Trump respondeu afirmativamente, mais confiou en que non a necesitarán. "Levarémonos ben" coa China, afirmou, asegurando que o estado asiático "non quere" tomar a illa.

Ucraína e a guerra con Rusia

Por outra parte, Trump afirmou que considera que Ucraína aínda é capaz de gañar o conflito con Rusia, mais admitiu que non cre que Kíiv o consiga. "Ben, poderían. Aínda poderían gañar", dixo o mandatario, referíndose a unhas declaracións que realizou en setembro.

Naquela altura, aseverou que Ucraína era capaz de seguir loitando co respaldo da Unión Europea e que podería mesmo recuperar os territorios controlados por Rusia. "Non creo que o fagan, mais aínda poderían gañar. Calquera cousa pode pasar. Xa saben, a guerra é algo moi estraño", agregou Trump nunha reunión co primeiro ministro de Australia, Anthony Albanese.