A Diada clama contra a represión e a desunión
A Diada 2019 arrancou en Barcelona como unha gran mobilización social para denunciar a represión do Estado español sobre a cidadanía de Catalunya e como voz de alerta diante das divisións entre os partidos e as forzas sociais independentistas respecto da estratexia a seguir, e co pano de fondo dunha sentencia contra os presos políticos cataláns que se espera moi dura noutro episodio da represión.
Os chamamentos á unidade foron constantes xa desde pola mañá nos diferentes actos. O Òminium Cultural conseguiu reunir aos partidos independentistas e aos sindicatos, mesmo á Assemblea Nacional Catalana (ANC), cos Comúns, e tamén con Ada Colau, nunha iniciativa enfocada á demanda de absolución dos presos e que La Vanguardia cualificou de "aposta pola transversalidade". Leuse unha carta de Jordi Cruixart, o presidente do Òmnium hoxe na cadea, na que este reclama diálogo: "Quérennos divididos entre partidarios do diálogo e da confrontación, pero a defensa permanente do diálogo é a única vía para a resolución do conflito".
Sen os Comúns e sen 'fila 0' para os representantes políticos, a manifestación da Diada arrancou pola tarde entre proclamas contra a represión e contra a división entre os partidos independentistas. Mentres Carles Puigdemont seguía a xornada pola televisión desde Waterloo, o presidente Quim Torra asistía á manifestación xunto a membros do Govern e parlamentarios do JxCat que afirmaban: "A mellor resposta á sentencia é a independencia", segundo informou o Diari Ara.
Uns 600.000 manifestantes, segundo a Guàrdia Urbana de Barcelona, participaron na protesta. Desde ERC, Pere Aragonès, vicepresidente do Govern, advertiu: "Que aprendan, non vimos a renunciar, viñemos gañar". María Sirvent, deputada da CUP, indicaba: "Hoxe comezamos a responder á sentenza", mais cuestionaba o papel do Govern: "a súa política non se corresponde coas reivindicacións do movemento popular".
"A violencia non é pasividade senón acción. O xigante que enfrontamos ten os pés de barro", animou Paluzie aos manifestantes, e cun "Viva Catalunya libre!", rematou o seu discurso mentres os asistentes berraban "independencia!".
"O independentismo recupera o pulso na rúa para exixir unidade estratéxica", resumía a media tarde na portada Nació dixital.
Incidente no Parlament
Unhas 300 persoas concentrábanse a última hora da tarde ás portas do Parlament, en Barcelona, en resposta a unha convocatoria realizada polas redes sociais que convidou a encerrar a cámara catalá. Os Mossos d'Esquadra identificaron a dous dos participantes despois de que se producira lanzamento de pedras contra o cordón policial.
Por outra banda, segundo informa VilaWeb, a CUP e algunhas outras organizacións da esquerda independentista manifestáronse como todos os días 11 de setembro no centro de Barcelona para reclamar o camiño da desobediencia baixo o lema: "Organizamos o poder popular. Cara á independencia non hai atallos".
Presenza galega: Anova e BNG
[Noticia en actualización]