Detidas 17 persoas no Irán acusadas de pasar información aos Estados Unidos e Israel

Estado da Universidade de Ciencia e Tecnoloxía do Irán, en Tehran, esta segunda feira 30 de marzo tras os ataques dos EUA e Israel. (Foto: Europa Press / Contacto / Marzieh Soleimani)
O Ministerio de Intelixencia descríbeas como "mercenarios inimigos" e alegou que "enviaban información sobre algunhas das instalacións de defensa do país". 

As autoridades iranianas anunciaron esta segunda feira, 6 de abril, que detiveron 17 persoas na provincia de Acerbaixán Occidental acusadas de pasar información aos Estados Unidos e a Israel. O Ministerio de Intelixencia descríbeas como "mercenarios inimigos" e alegou que "enviaban información sobre algunhas das instalacións de defensa do país na provincia de Acerbaixán Occidental a un oficial de intelixencia radicado nos Estados Unidos".

Os "traidores", segundo as autoridades iranianas, compartían "a localización das forzas militares e policiais da provincia ao servizo de espionaxe do réxime sionista", así como a medios de comunicación que denominou como "a Rede Terrorista Internacional". Ademais, indicaron, nun comunicado difundido pola pola axencia de noticias Mehr que algúns dos detidos pertencían a "grupos terroristas separatistas" e instaron aos cidadáns a denunciar "casos sospeitosos". 

Durante as últimas semanas, o Ministerio de Intelixencia iraniana detivo a máis dun centenar de persoas que Irán vincula aos Estados Unidos e Israel no medio da ofensiva que comezou o pasado 28 de febreiro. A semana pasada, 41 persoas foron arrestadas na provincia de Fars, no suroeste de Irán, baixo estas acusacións.