Detida unha integrante dos CDR por sedición, rebelión e terrorismo
É a primeira vez que se acusa de terrorismo unha persoa vinculada co procés. A detida foi xa trasladada a Madrid para ser posta a disposición da Audiencia Nacional.
Unha operación da Garda Civil contra os Comités de Defensa da República tería resultado na detención dunha persoa. O dispositivo foi ordenado pola Audiencia Nacional.
A detida -do CDR de Viladecans- tería sido arrestada baixo as acusacións de sedición, rebelión e terrorismo.
As pesquisas do corpo militar sinálana como a presunta responsábel da coordenación dos cortes de estradas e auto-estradas producidos nos últimos días no Principat.
As primeiras informacións, logo non confirmadas, apuntaban a detención de no mínimo dúas persoas. Segundo La Vanguardia, si habería un segundo obxectivo da operación, un activista do CDR de Esplugues de Llobregat, mais o seu arresto aínda non se tería producido ao non ter sido localizado.
A Garda Civil considera que a muller detida á e "ideóloga" dos CDR, como o demostraría pretensamente que un audio seu rulase polas redes sociais a indicar as accións a realizar polos comités.
As autoridades xudiciais españolas non só non toman nota da sentenza alemá sobre Puigdemont -en que se desbotaba a existencia de violencia en Catalunya-, senón que dan un salto cara adiante ao formular a primeira acusación por terrorismo.
Operación dos Mossos
En paralelo a este dispositivo da Garda Civil, os Mossos d'Esquadra arrestaron esta mañá 6 integrantes dos CDR de Malgrat, Arenys de Munt, Dosrius e Solsana, informaron fontes do corpo policial catalá a Vilaweb.
Estes activistas terían participado na concentración do 30 de xaneiro no parque da Ciutadella, diante do Parlamento catalán, o día en que se suspendeu o pleno de investidura de Carles Puigdemont.
Estes 6 activistas acaban de seren postos en liberdade.
Nota: Esta información foi atualizada e emendada -as primeiras noticias falaban de 4 persoas detidas polos Mossos, cando en realidade foron 6- ás 13.58 horas