A dereita gaña en Portugal e o líder socialista dimite tras empatar coa extrema dereita
Fica pendente o reconto do voto exterior, que asignará os catro últimos escanos da Assembleia da República.
A coalición conservadora Alianza Democrática (AD), encabezada polo actual primeiro ministro, Luís Montenegro, máximo responsábel Partido Social Democrata (PSD) e integrada tamén polo tamén conservador CDS-Partido Popular, gañou as eleccións lexislativas decorridas este domingo en Portugal cun 32,72% dos votos (89 deputados), por diante do Partido Socialista (PS), que obtén un 23,38% dos apoios e 58 deputados e do partido de extrema dereita Chega, que fica lixeiramente por detrás dos socialistas en porcentaxe de votos (22,56%), mais igualado en deputados, 58, segundo o escrutinio oficial correspondente ao 99,23%, a falta só do reconto de votos de portugueses residentes no estranxeiro.
Por detrás sitúanse Iniciativa Liberal cun 5,53% de votos e 9 deputados e o partido socialdemócrata Livre cun 4,20% e 6 asentos. A Coalición Democrática Unitaria (CDU, comunista), logrou 3 escanos cun 3,03% de votos, mentres que o Bloque de Esquerda (2%) quedou con 1, do mesmo xeito que Persoas-Animais-Natureza (1,36%) e o partido Xuntos polo Pobo (0,34%). A participación foi do 64,38%.
A gran sorpresa destes comicios son os resultados de Chega. O partido de extrema dereita alcanzou un 23% dos sufraxios, após unha accidentada campaña, da cal o seu candidato, André Ventura, retirouse dos actos públicos na quinta feira despois de padecer dúas indisposicións con hospitalización nas 48 horas anteriores.
A desfeita socialista
Co terceiro peor resultado da súa historia, o líder do Partido Socialista, Pedro Nuno Santos, renunciou como secretario xeral e deixa en mans do seu sucesor a decisión de prestar apoio ou non ao novo Goberno ao tempo que chamou a seguer combatendo a extrema dereita. "Convocarei eleccións internas nas que non serei candidato", dixo àra anuniciar a súa dimisión.
Os socialñistas foron os grandes derrotados da noite, entre numerosas críticas e chamadas á reflexión. "Son tempos duros e difíciles para a esquerda e para o PS", sinalou Nuno Snatos en declaracións recollidas pola cadea estatal RTP, á vez que indicou que a súa formación non debe ser apoio dun Goberno de Luís Montenegro. Ademais, lamentou o crecemento da extrema dereita "máis violenta e máis mentireira".
Unha dereita reforzada
O claro gañador da noite, o presidente do Partido Social Demócrata (PSD) e primeiro ministro en funcións, Luís Montenegro, defendeu que os portugueses "queren este Goberno e non quere ningún outro". "O pobo quere a este primeiro ministro e non quere ningún outro", engadiu na súa primeira intervención pública tras a vitoria electoral. Montenegro prometeu un mandato de catro anos e "de todos" porque os cidadáns "non queren máis eleccións anticipadas".
Ao ser preguntado sobre as condicións para a formación dun novo executivo, sinalou que "non me parece que haxa outra solución [...] que a que xorde da vontade libre, democrática e convencida do pobo portugués", mentres que descartou un acordo entre Chega e o PS, un escenario que non considera "críbel" e que só pode ser posíbel "desde un punto de vista aritmético".
Pola súa parte, o presidente do outro principal socio de coalición, o Centro Democrático Social, Nuno Melo, asegurou que "esta noite fíxose moita xustiza coa AD" e "reforzouse a lexitimidade e a credibilidade do proxecto político [...], do Goberno e [...] de Luís Montenegro".
Ascenso da extrema dereita
Desde Chega, o seu líder, André Ventura, felicitouse polas previsións. "Chega hoxe matou o bipartidismo en Portugal. Grazas por demostrar que era posíbel romper 50 anos dun sistema político sempre igual", declarou. Ventura ofreceu de novo, veladamente, o seu apoio á AD e expuxo así "loitar para que haxa estabilidade", "para que haxa un goberno digno en Portugal".
O líder de Iniciativa Liberal, Rui Rocha, lamentou non superar os nove deputados que xa tiña o seu partido, cuarto na carreira electoral, pero asegurou que, "mirando cara atrás, non faría nada diferente".
En quinto lugar quedou o partido Livre, cuxo portavoz, Rui Tavares, asegurou que van dinamizar " un gran movemento democrático e progresista", "porque este é o inicio da remontada".
A Coalición Democrática Unitaria (CDU), da que forman parte o Partido Comunista e o Partido Ecoloxista, celebrou con matices a súa mellora con respecto ás eleccións de 2020 que deixou á alianza en sexto lugar e con tres deputados, os mesmos que tiña. "Confirmamos á CDU como unha gran forza de coraxe, seriedade e confianza", afirmou en declaracións recollidas por RTP.
Rebelo de Sousa
Coa dereita máis forte, os resultados electoria sconfirman a reelección como primeiro ministro de Luís Montenegro. A este respecto, o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, asegurou durante a campaña que o seu criterio principal para nomear un ou outro primeiro ministro é que sexa quen de garantir a estabilidade do Gabinete, que debe ser avalado pola Assembleia.