Delcy Rodríguez remodela o Goberno de Venezuela con novo liderado en sete ministerios
A presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, impulsou unha remodelación na súa Administración, con cambios nas carteiras de Educación Universitaria, Cultura, Traballo, Transporte, Enerxía Eléctrica, Vivenda e Defensa, tras a destitución de Vladimir Padrino, quen estivo á fronte desta última durante máis dunha década.
Así, tras o nomeamento do xeneral Gustavo González como novo xefe da área de Defensa, quen ocupaba o cargo de director da Dirección Xeral de Contraintelixencia Militar desde o pasado 6 de xaneiro –días despois de que o Exército estadounidense secuestrara o presidente venezolano, Nicolás Maduro, e a súa muller, Cilia Flores–, a mandataria anunciou cambios en seis departamentos máis.
Rodríguez anunciou a designación do maxistrado da Sala do Social Carlos Alexis Castillo como ministro de Traballo –que substituirá a Eduardo Piñate– e das deputada Jacqueline Faría como responsábel de Transporte –no canto de Aníbal Coronado–.
Á fronte do Ministerio de Educación Universitaria porase a profesora, psicóloga social e analista política Ana María Sanjuán –quen sucederá no cargo a Ricardo Sánchez-, mentres que a carteira de Cultura estará liderada por Raúl Cazal –en substitución de Ernesto Villegas, quen renunciou previamente ao seu cargo e militancia no Partido Socialista Unido de Venezuela–.
Así mesmo, Rodríguez nomeou o enxeñeiro Rolando Alcalá ministro para a Enerxía Eléctrica e Jorge Márquez Monsalve á cabeza do Ministerio para Hábitat e Vivenda, onde "terá a responsabilidade de continuar impulsando políticas públicas orientadas a garantir o dereito á vivenda digna". Ademais, reformou o organigrama doutros departamentos.