Delcy Rodríguez afirma que Venezuela merece a paz e non a guerra mentres Trump lle exixe acceso a todo o petróleo

Delcy Rodríguez, desingada presidenta encargada de Venezuela, presidiu este 4 de xaneiro o seu primeiro Consello de Ministros. (Foto: Presidencia de Venezuela)

Donald Trump reclama unha obediencia total ás novas autoridades venezolanas.

A nova presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, presidiu este domingo o seu primeiro Consello de Ministros desde o Palacio de Miraflores apenas 24 horas despois do secuestro do presidente constitucional Nicolás Maduro e Cilia Flores por parte de forzas militares dos Estados Unidos. A sesión transcorreu mentres centenares de cidadáns converxían fronte á sede gobernamental para rexeitar a incursión estranxeira e esixir o retorno inmediato de ambos os mandatarios a venezuela.

Rodríguez presidiu a reunión estratéxica do gabinete dando continuidade institucional ao Goberno Bolivariano e asumindo a encomenda para a que foi designada o pasado sábado, garantir a paz cidadá, defender a soberanía nacional e asegurar a operatividade plena do Estado no marco da Constitución Bolivariana.

"Vocación de paz"

Na súa intervención, a presidenta encargada de Venezuela dirixiuse ao mandatario dos EUA, Donald Trump, para destacar que o pobo venezolano merece a paz, non a guerra. "Presidente Donald Trump, os nosos pobos e a nosa rexión merecen a paz e o diálogo, non a guerra. Ese foi sempre o predicamento do presidente Nicolás Maduro e é o de toda Venezuela neste momento", dixo a mandataria, quen engadiu que "esa é a Venezuela na que creo, á que dediquei a miña vida". "O meu soño é que Venezuela sexa unha gran potencia onde todos os venezolanos e venezolanas de ben nos atopemos", resolveu.

Delcy Rodríguez insistiu durante o seu discurso en que "Venezuela reafirma a súa vocación de paz e de convivencia pacífica. O noso país aspira a vivir sen ameazas externas, nunha contorna de respecto e cooperación internacional. Cremos que a paz global constrúese garantindo primeiro a paz de cada nación".

Rodríguez considera "prioritario" avanzar cara a unha relación internacional "equilibrada e respectuosa" entre os EUA e Venezuela máis tamén entre Venezuela e os países da rexión, "baseado na igualdade soberana e a non inxerencia". "Estes principios guían a nosa diplomacia co resto dos países do mundo".

Ademais, estendeu "a invitación ao goberno dos EUA a traballar conxuntamente nunha axenda de cooperación, orientada ao desenvolvemento compartido, no marco da legalidade internacional e á fortaleza sunha convivencia comunitaria duradeira".

Vicepresidentes sectoriais e ministros de áreas estratéxicas de Venezuela reunidos canda a Delcy Rodríguez este 4 de xaneiro. (Foto: Presidencia de Venezuela)

"Acceso a todo"

A intervención da nova presidenta encargada de Venezuela para reivindicar a posición do seu Goberno coincidiu no tempo cun novo discurso do presidente Donald Trump, que volveu reclamar unha obediencia total ás autoridades venezolanas. "Somos nós os que estamos ao cargo", reclacou o mandatario dos EUA.

"Queremos acceso a todo o que pidamos, acceso ao petróleo e a outras cousas que fan falta para reconstruír o país, a estradas e a pontes para reconstruílos", indicou Trump en declaracións desde o avión presidencial Air Force One, desde onde avisou a nova responsábel, "se se comportan, haberá un segundo ataque" e "pagará un prezo máis alto que Maduro" se non fai "o correcto", advertiu.

O presidente Nicolás Maduro permanece retido nun centro de detención en Nova York onde esta segunda feira comparecerá ante o xuíz Alvin K. Hellerste para responder de cargos de narcotráfico e delitos de armamento.