"Deberiades dar media volta porque non ides chegar a Gaza": o ministro de Defensa de Israel ameaza a Flotilla da Liberdade

O ministro de Defensa israelí, Israel Katz. (Foto: Europa Press / Contacto / Lev Radin)
"Ordenei ás Forzas de Defensa de Israel que actúen para que a flotilla do Madleen non chegue a Gaza" tomando para este obxectivo "as medidas necesarias", afirmou o ministro israelí.

O ministro de Defensa de Israel, Israel Katz, ordenou ás Forzas Armadas israelís que "actúen" para que o barco Madleen da denominada Coalición da Flotilla da Liberdade non poida chegar á Faixa de Gaza, o seu obxectivo na viaxe que emprendeu para romper o bloqueo sobre o territorio palestino para entregar axuda humanitaria.

"Ordenei ás Forzas de Defensa de Israel que actúen para que a flotilla do Madleen non chegue a Gaza" tomando para este obxectivo "as medidas necesarias", afirmou o ministro israelí. Katz menciona en particular á activista Greta Thunberg, quen viaxa no barco.

"Dígolles claramente á antisemita de Greta e aos seus amigos portavoces da propaganda de Hamás: deberiades dar media volta porque non ides chegar a Gaza", subliñou o membro do Goberno israelí. O ministro advertiu de que "Israel actuará contra calquera intento de romper o bloqueo ou axudar organizacións terroristas, no mar, o aire e a terra", dixo.

A menos de 24 horas de distancia

A Flotilla da Liberdade, que reivindica a importancia do Dereito Internacional a través da desobediencia civil e a acción non violenta, desenvolveu numerosos intentos de entregar subministración á poboación de Gaza desde que Israel impuxo un bloqueo marítimo sobre o territorio palestino en 2007.

O último intento é o do Madleen, que se atopa xa fronte ás costas exipcias despois de partir hai unha semana de Catania, en Sicilia (Italia). No barco viaxan, entre outras persoas, Greta Thunberg ou o actor Liam Cunningham (Xogo de Tronos).

“As forzas de Israel non nos poden deter, non teñen dereito sobre nós, e menos en augas palestinas nas que non teñen máis que un exército invasor”, manifestou o activista en defensa dos dereitos do pobo palestino Sergio Toribio, que tamén viaxa na embarción.

Outra das tripulantes é a eurodeputada franco-palestina Rima Hassan, quen asegurou que o barco seguirá adiante coa súa misión de chegar ao territorio palestino, do que a embarcación solidaria xa se atopa a menos de 24 horas de distancia.