Correr (e pagar con gusto) 1.800 kilómetros para defender o bretón

Foto: Ar redadeg

A carreira Ar Redadeg quer recadar un mínimo de 100.000 euros para investir en diferentes proxectos a prol do idioma de Breizh, desde as escolas Diwan até iniciativas culturais, empresariais ou de lecer.

Cada dous anos unha carreira percorre unha zona concreta de Breizh (Bretaña) para recadar fondos a prol do bretón. É Ar Redadeg, unha iniciativa que naceu en 2008 e que se realiza con carácter bianual.  Ar Redadeg finánciase diante a “compra” por parte de particulares, entidades, empresas e administracións, dos kilómetros do traxecto da carreira. Nesta edición son 1.800 km os que se ‘venderon’.

 

Esta sexta edición arrancou esta sexta feira en Kemper. A iniciativa abrangue tamén diferentes actividades, desde concertos, xogos, exposicións…

 

O bretón, lingua céltica, é falado por máis de 200.000 persoas mais comprendido por volta de 325.000. A maior parte das falantes están no oeste e o suroeste de Bretaña e conforman 13% da pobación, segundo Kristen le Gars, experta neste idioma.  70% d@s falantes ten máis de 60 anos . Mais cómpre mencionar que houbo un lixeiro aumento de falantes, concretamente, no oeste de Bretaña, entre a mocidade de entre 15-19 años.

 

Diwan

 

Unha parte da recadación desta carreira vai para as escolas Diwan, escolas en bretón. O 23 de maio de 1977, en Gwitalmeze, unha pequena vila mariñeira de pouco máis de 6.000 habitantes, situada no departamento do Fisterre, botaba a andar a primeira escola ‘Diwan’,  unha posta polo ensino con inmersión lingüística en bretón. Era a primeira ‘semente’ – que é o que significa diwan- para frear o progresivo ermo que o bretón tiña entre mocidade e infancia de Breizh. Na actualidade son 46 os centros desta rede de escolas en bretón e o número de alumnos supera os 4.200.