Irán asegura que alcanzou cun mísil un petroleiro estadounidense no norte do golfo Pérsico

Petroleiro ardendo. (Foto: Tasnim)
O Corpo da Garda Revolucionaria Islámica de Irán asegura que o ataque se produciu na mañá desta quinta feira e reitera que controlará o paso polo Estreito de Ormuz en situación de guerra.

Segundo informou a axencia iraniana Tasnim, o Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (IRGC) anunciou que un petroleiro estadounidense foi alcanzado por un mísil no norte do Golfo Pérsico. De acordo coa mesma fonte, o buque foi atacado por unidades navais do IRGC na mañá deste 5 de marzo e atópase actualmente en chamas.

Nun comunicado, o IRGC afirmou que xa advertira anteriormente que, en tempos de guerra, as normas de paso polo Estreito de Ormuz quedarían baixo control da República Islámica de Irán, en consonancia —segundo sostén— coas leis e resolucións internacionais. “As normas de tránsito polo Estreito de Ormuz estarán en mans da República Islámica de Irán durante a guerra”, sinalou o comunicado.

O corpo militar iraniano tamén advertiu de que os buques militares e comerciais vinculados a Estados Unidos, ao que cualifica como “réxime sionista”, a países europeos e aos seus aliados non terán permitido transitar pola zona. Engadiu ademais que, se son detectados, “serán atacados sen dúbida”.