Contar a feira como che vai nela. Debates e desembarcos
Albiol leva razón. O mesmo é cousa da idade, xa que onte mesmo celebraba os seus 50 anos na primeira visita de Rajoy en rexistro mitinero. O caso é que no comezo dos debates televisivos de campaña (TVE-24 Horas) dixo algo ben sensato, que hai que falar coa xente: cos taxistas, cos directores dos hoteis e cos propietarios dos restaurantes. Iso si, baixou ao rexistro “cidadá”, ao “ti a ti” cando a exposición dos datos macroeconómicos por parte do candidato de ERC Roger Torrent desmentiron a “Cataluña desolada e dantesca na que vive instalado” e na que pretenden fiquemos instalados todos e todas os que non vivimos en primeira persoa o procés.
O líder popular virou o discurso. Pero claro, isto é como iso tan galego de preguntar que tal na feira? Pois segundo como che fora nela. E as testemuñas que expuxo, pois foron as del e así non coa. Ou si, porque até o momento eu, no mínimo, sempre crin que os patróns de España eran Santiago Apóstol e a Virxe do Pilar, e agora resulta que non, que é a Inmaculada –a festividade que se celebra o 8 de Decembro- cando menos segundo un chío do PP de Lleida no que agradecía case entre bágoas que Rajoy tivese a ben compartir con eles tal onomástica.
Tamén María Dolores de Cospedal se achegou a Catalunya para conmemorar o que imaxino é a virxe preñada, porque Inmaculada, si, pero o apelido é Concepción. Presidiu os actos da Arma de Infantería no cuartel do Bruc, en Barcelona, que a reclaman como a súa patrona. Así que, unha de dúas, ou esta virxe está pluriempregada ou o PP xa chegou ao punto de asimilar que España é o Exército.
Os líderes constitucionalistas teñen un reforzo policial de seguridade de 50 efectivos, aos que hai que sumar un reforzo a maiores para o desembarco de paracaidistas dos voceiros estatais deses partidos
Mucha, mucha, policía…
Para gustos, cores, pero dúas lecheras para o acto de inauguración dunha carpa galáctica informativa de Ciudadanos, con presenza de Inés Arrimadas, semella algo excesivo, malia que estea no centro neurálxico da cidade; sobre todo cando había máis xornalistas que parroquia e o encontronazo máis serio e desagradábel non foi a posta en escea dun suposto espontánea que berrou: Fascista, ao que acto seguido, outro suposto espontáneo lle respostou: Viva España. O momento máis tenso e desagradábel deuse entre compañeiros de profesión, cando un lle espetou a outro: “E a ti quen che paga”, un flipe de comentario que obtivo como resposta: “E a todos estes?”, en alusión á nube de gravadoras que tentabamos facernos un oco para xustificar que estabamos alí.
Ir, ver… e pirar. Apagados os focos, nin siquera nas terrazas máis próximas comentaron res. A xente, seguindo o consello de Albiol, falaba, pero das súas cousas, que pouco o nada tiñan a ver nin coa carpa laranxa nin cos 45.000 paisanos que, segundo El País, pasearon o seu “odio” por Bruxelas.
Símbolos
Para os/as que non son daltónicos de seguro que tamén está chamando a atención algo que no debate xa non houbo forma de disimular, ao existir foto de todos xuntos: o lazo amarelo. Un símbolo que neste contexto de excepcionalidade conta máis que nunca e comunica máis que horas de mitin e/ou debate programático. Cecais os/as asesores non o estean tendo moi en conta ou, simplemente, si o teñen pero entón se están a equivocar, porque ese elemento vai máis alá de definirte nun bloque ou noutro. A aplicación do 155 e que aínda continúen candidatos en prisión é outra cousa, é un ataque ao corazón mesmo da democracia o do estado de dereito. E se realmente es demócrata, non chega con que proclames o teu rexeitamento a esas medidas en declaración ante os medios, debes escenificalo para que resulte críbel, un compromiso firme. Obviamente non me sorprende a ausencia da insignia en Arrimadas, nin en Iceta, nin siquera en Carles Riera, da CUP, que no debate ben se lle vía que a americana debía ser de prestado e de aí a solapa baleira, pero Domènech?
A xente falaba, pero das súas cousas, que pouco o nada tiñan a ver nin coa carpa laranxa nin cos 45.000 paisanos que, segundo El País, pasearon o seu “odio” por Bruxelas
É certo que o mesmo non chegou a lucir nunca de amarelo, salvo nas palabras e semella que estas, inclusive, xa as levou o vento e a este titular remítome: “O cidadán pode exercer a desobediencia civil, as institucións non”. What???? Logo os Comúns non viñeron a desparasitar as institucións? A desacralizalas? Acaso a nova política e o rupturismo só consistía en xestos como as rastas, non levar garavata, bicarse na boca no estrado ou dar de mamar no escano?
Logo os Comúns non viñeron a desparasitar as institucións? A desacralizalas?
E pouco máis, polo de agora: Fun, Fun, Fun e o de sempre de todos os comicios, de aquí e de acolá: recitais autómatas de programas ou medidas intercambiábeis; reparto de polvoróns e propaganda, que para algo estamos nas datas nas que estamos; baños de masas onde hai masas, é dicir, cataláns e -oh wait, turistas tamén- na famosa fira de nadal nos arredores da catedral; onde debo dicir que vin unha Andrea Levy moi desmellorada, iso ou que estou máis afeita a vela en declaracións dende Madrid e aqueles aires hai que recoñecer que son mellores para o volume do pelo, por exemplo. Mesmo o desembarco dos paracaidistas Vips dos partidos en sábado ou domingo é parte tamén deste ritual chamado a festa da democracia.
Bruxelas
Ah, que se non digo nada de Bruxelas? O rigor impídeme que fale moito, non só porque a manifestación xa fique algo atrás no tempo, senón porque non estiven nela e porque a meirande parte desas 45.000 persoas que desbordaron as rúas de amarelo aínda non están de volta para poder escoitar as súas testemuñas de corpo presente. Aproveitaron a ponte e a escapada para coñecer algo máis Europa. Unha decisión que seica non foi moi do gosto de La Sexta, en xeral, ou de Gonzo, en particular, e de aí a pregunta supostamente con inxenio de: “Sodes conscientes de que podedes estar aquí e quedarvos uns días precisamente grazas á Constitución que denostades? Que digo eu que tamén podía ter feito a mesma pregunta pero facendo referencia á Virxe, pois tamén é bastante contradictorio ese festivo tendo en conta que somos un estado aconfesional.
Non sei, o mesmo son eu, que estou algo susceptíbel e xa vexo todo coas gafas esteladas. Vós diredes, aínda que vos xuro que eu só pasaba por aquí. To be continued.
Fotografías (todas da autoría de R.R.).
1.-A carpa laranxa de Ciudadanos no centro de Barcelona
2.-Un almorzo aderezado cun folleto informativo de Puigdemont.
3.-Vista do interior da carpa de Cs.
4.-Arrimadas atende os meios.