O Congreso español aproba a suba das pensións e dos soldos públicos
O Congreso dos Deputados deu luz verde no día de onte á primeira iniciativa do Goberno estatal de PSOE-Unidas Podemos coa convalidación dos decretos-lei polos que se incrementa o salario do funcionariado público e polo que se sube a contía das pensións.
Previamente ao arranque na tarde de onte do pleno na Cámara Baixa, o Consello de Ministras e Ministros aprobaba tamén o real decreto polo que se estabelece o aumento de 5,5% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) este ano, situándose en 950 euros mensuais por catorce pagas con efectos retroactivos desde o pasado 1 de xaneiro.
A portavoz do Goberno central, María Jesús Montero, salientou ao remate do Consello que o novo salario mínimo beneficiará a máis de dous millóns de persoas, "con especial impacto no réxime xeral e, de forma máis particular, nas traballadoras e traballadores do fogar e do sector agrario". A medida xa fora anunciada a semana pasada pola ministra de Traballo Yolanda Díaz após reunirse cos líderes estatais dos sindicatos UXT e CCOO e coa patronal.
O obxectivo do Executivo estatal, sinalou Montero, sigue o acordo programático subscrito entre o Partido Socialista e Unidas Podemos polo que se situará o SMI entre os 1.000 e os 1.200 euros ao final da lexislatura, seguindo así as recomendacións da Carta Social Europea.
O Goberno saca adiante a suba das pensións
En canto á convalidación na Cámara Baixa do decreto-lei para a suba das pensións, o Executivo de coalición arrincou os votos a favor do Partido Popular e de Ciudadanos, mentres que pola esquerda se atoparon coas abstencións da CUP e do Bloque Nacionalista Galego. O deputado do BNG,
Néstor Rego, abstívose ao considerar que a suba de 0,9 das pensións é insuficiente para lograr unha recuperación do poder adquisitivo.
"É necesario un aumento substancial nas pensión mínimas e non contributivas", demandaron desde o Bloque.
Montero dá por finalizado o debate sobre o IVE
María Jesús Montero, en calidade de portavoz do Goberno e de ministra de Facenda, asegurou tamén na rolda de prensa concedida ao remate do consello ministerial que "non hai ningunha novidade" sobre a devolución ás comunidades autónomas dos 2.500 millóns de euros do IVE autonómico de 2017. Montero deu o tema "por rematado" aludindo a que a súa resolución se tiña que ter producido no ano 2019 e sinalou como responsábel do problema o ex ministro de Facenda con Mariano Raxoi, Cristóbal Montoro.
A ministra Montero afirmou que o executivo de Pedro Sánchez tentou corrixir esa situación a través dos Orzamentos Xerais do Estado de 2019, e escudouse en que, ao estes non teren visto a luz por non obter respaldo no Congreso, “non se puido promover ningún tipo de iniciativa legal ao estar o Goberno en funcións", aseverou.
"Xa estamos en 2020 e como expliquei noutras ocasións o tema tíñase que resolver no ano 2019. Non hai ningunha novidade respecto diso", zanxou a ministra de Facenda.
A propósito dos anuncios realizados por varios Gobernos autonómicos, algúns gobernados polo propio PSOE como o de Castela A Mancha e Aragón, de denunciaren vía xudicial para lograr a devolución do IVE, Montero non deu valoracións. "Se consideran que iso é o que teñen que facer, non teño nada que dicir", apuntou.
Precisamente onte o Consello de Goberno de Castela A Mancha, que dirixe Emilio García-Page (PSOE), autorizou o seu gabinete xurídico a adoptar as medidas administrativas e as accións xudiciais que procedan para reclamar ao Estado o importe que debe á comunidade pola liquidación do IVE do exercicio 2017.