O salario mínimo sobe a 950 euros

smi yolanda sindicatos Europa Press)
photo_camera (Europa Press)

A vicepresidenta Carmen Calvo xa adiantara na mañá de onte que o Goberno español non situaría "de golpe" o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos 1.000 euros. Pola tarde, após a reunión da ministra de Traballo Yolanda Díaz cos secretarios xerais de CCOO e UXT e cos presidentes da patronal, anunciouse o acordo conseguido entre as partes para aumentar o SMI a 950 euros en 2020 con efectos a 1 de xaneiro. O Executivo leva no acordo programático PSOEUP situar ao final da lexislatura o SMI ao redor dos 1.200 euros. 

Esta é a segunda suba do SMI en 14 meses. "É o primeiro gran acordo social desta lexislatura", dixo a ministra. "Seguiremos. Non teñan dúbidas: este ministerio seguirá traballando e tomando medidas que melloren a vida das persoas".

"Tanto CCOO como UXT manifestamos repetidamente a nosa disposición para que o SMI estea no Estado español en 60% do salario medio (...) Este acordo ponnos neste camiño", dixo o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo.

"Chegamos a un acordo que pensamos que é mellor que a oferta que tiñamos", admitiu o presidente da patronal. "Para as pemes, subir a 950 non é bo, pero é mellor que subir a mil", dixo.

A CIG, sindicato maioritario na Galiza, denuncia que esta suba do SMI fica "moi por debaixo" do que debera ser un incremento correspondente a 60% do salario medio. Para a central sindical é un "acordo vergoñento" xa que sigue impedindo que se faga realidade "de inmediato" a recomendación da Carta Social Europea que establece que cando menos o SMI se sitúe no 60% do salario medio, q que suporía subilo a 1.200 euros.

Comentarios