América Latina

Colombia: chaman a acabar co "asasinato sistemático" de líderes sociais

Lucy Villarreal foi asasinada tras finalizar un obradoiro con crianzas [@indoamericanto.oficial]
Desde comezos desta semana dúas mulleres e dous homes, membros da sociedade civil, foron vítimas de crimes violentos.

Ao asasinato na véspera do día de Nadal de Lucy Villarreal, unha xestora cultural do departamento de Nariño, no suroeste de Colombia, sumouse 24 horas despois a morte de Reinaldo Carrillo, membro da Asociación Nacional de Usuarios Campesiños (ANUC) de Huila, no sur do país, e coordinador do comité de paz en Pitalito, neste departamento. 

A primeira traballaba con mulleres vítimas da violencia na Fundación Viva La Vida, segundo informan os medios locais. O segundo, ao igual que outros membros da ANUC, recibira ameazas con anterioridade.

Na segunda feira, 23 de decembro, tamén transcendera o crime contra Natalia Jiménez e Rodrigo Monsalve, ambientalistas que apareceron sen vida, con signos de tortura e con capuchas nas cabezas.

Condena do Goberno

Despois de se coñecer a morte de Villarreal, a vicepresidenta colombiana, Marta Lucía Ramírez, pediu en Twitter unha "investigación eficaz e castigo aos responsábeis". "Forza pública e xustiza deben redobrar esforzos en Tumaco onde o narcotráfico que trae violencia creceu exponencialmente", agregou a mandataria.

Tamén se referiu ao asasinato de Carrillo: "Líderes de restitución, parcelamento e reforma agraria, non poden continuar sendo asasinados. O Goberno, a comunidade, a forza pública e a xustiza debemos ser un só corpo en intelixencia, prevención e reacción".

Precisamente, unha das reivindicacións das protestas destas semanas contra o Goberno é acabar cos crimes e a impunidade. 

"Asasinatos sistemáticos"

A comezos deste mes, a Oficina en Colombia da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos manifestara que en 2019 polo menos 86 persoas defensoras dos dereitos humanos foran asasinadas. Segundo este organismo, a falta de presenza integral do Estado nalgunhas rexións de Colombia sería unha das causas estruturais destas mortes.

E esta quinta feira, pola súa banda, o fiscal xeral colombiano, Fernando Carrillo, tamén se pronunciou a respecto cun chío no Twitter. "Hai que deter o sistemático asasinato dos #LíderesSociales. Como Ministerio Público pedimos ao Goberno convocar a Comisión Nacional de Garantías de Seguridade de maneira inmediata e que se asegure o seu funcionamento, pois a ameaza é latente e hai que contela", escribiu.